Este mércores, 4 de marzo, a conselleira de Política Social e Igualdade, a ribeirá Fabiola García, visitou o Centro de Atención Integral de Amicos para felicitar aos membros do equipo de remo inclusivo Amicos – Cabo de Cruz polo seu exitoso paso polo XXIV Campionato de España de remoergómetro e o VIII Open de España en Remo Indoor. Un campionato celebrado en Cartaxena a pasada fin de semana.
Os membros do equipo que se achegaron a Murcia para participar na competición foron Macarena Fernández, Ramiro Lueiro, Carolina Castro e Adrián Iglesias; que tamén se encargaron este mércores 4 de marzo de recibir á conselleira á súa chegada. Así, aproveitaron a visita para contarlle como se desenvolveu o torneo, as súas experiencias, e como comezaron a súa aventura no remo da man do Club de Remo Cabo da Cruz, en especial do seu adestrador Gustavo Vázquez, tamén presente durante a mañá.

No tocante ao Campionato nacional de remoergómetro, Macarena conseguiu a medalla de ouro e Carolina a de bronce na categoría Feminina Absoluta ERGPR 1000, mentres que na masculina, Ramiro fíxose coa prata e Adrián acadou o oitavo posto. Ademais, participaron tamén no Open de España de Remo Indoor, no que Macarena e Carolina se fixeron co primeiro e segundo posto na categoría Open Sprint PR Intelectual Feminino, mentres que no masculino Ramiro e Adrián fixéronse tamén co primeiro e segundo posto.

Con motivo desta vitoria, a conselleira Fabiola García destacou que “estes deportistas son un exemplo de superación para todos” e agradeceulles que “representen tan ben a nosa comunidade e que leven o nome de Galicia ao máis alto”. Ademais, amosouse convencida de que, co tesón que demostran, “poderán conseguir todo que se propoñan no deporte e en calquera ámbito das súas vidas”.

Fabiola García tamén felicitou a Amicos por “ser unha entidade de referencia non só no ámbito dos coidados, tamén a nivel da integración das persoas con discapacidade”.
Pola súa banda, o director xeral de Amicos, Xoán España puxo en valor que “detrás de cada medalla hai traballo, constancia e unha rede que aposta polas persoas con discapacidade intelectual con feitos, non con palabras. Este equipo demostra o que pasa cando hai oportunidades reais e acompañamento axeitado; e nese camiño é clave o papel das institucións e de entidades como o Club de Remo Cabo da Cruz, que entenden o deporte como unha ferramenta útil para a inclusión”.

Este non é o primeiro campionato no que participa este equipo de remo inclusivo. En menos dun ano de historia, @s participantes acadaron xa numerosas vctorias, como os primeiros postos conseguidos por Ramiro e Carolina no Campionato Galego Xunta de Galicia de Remo Ergómetro en Noia, no que o equipo composto por Miguel, Manolo, Adrián e Ramiro tamén conseguiu a medalla de ouro en relevos.




