O BNG reclama ao Goberno local “unha resposta áxil” ante as reiteradas caídas da iluminación pública en Ribeira e parroquias

03 Marzo 2026

O BNG de Ribeira quere poñer o foco na necesidade de “mellorar a xestión e o seguimento da iluminación pública municipal” despois das múltiples incidencias rexistradas ao longo deste inverno en diferentes parroquias e tamén en zonas do núcleo urbano.

Palmeira sen luz

Segundo informou o concelleiro Xabier Vidal, “nos últimos meses, foron numerosas as comunicacións que recibiron de veciñas e veciños alertando de rúas que permanecen sen iluminación durante períodos prolongados, ás veces varios días, sen que se produza unha intervención rápida para restablecer o servizo”. Esta situación, engadiu, “xera preocupación lóxica, especialmente en momentos nos que existe unha maior sensación de inseguridade e cando as horas de escuridade son máis longas”.

Apagada no barrio das Avesadas

O concelleiro engadiu que “non se trata de incidencias puntuais e de curta duración, senón de apagadas que, en ocasións, manteñen zonas completamente ás escuras durante varios días sen que o servizo se restableza nun prazo razoábel”. E engadiu: “Podemos enumerar casos en Oleiros, Carreira, Palmeira ou Aguiño pero tamén barrios céntricos enteiros como Avesadas ou Deán e rúas como Avda de Ferrol, Avda da Coruña, rúa de Galiza, etc., por só citar algún exemplos”, detallou Vidal, engadindo que “esta situación está a provocar intranquilidade entre a poboación e incrementa os riscos tanto para a seguridade viaria como para a seguridade cidadá”.

Neste intre, sinalou, “Ribeira está a sufrir unha vaga de roubos que preocupa á veciñanza e a comerciantes, neste contexto, o correcto funcionamento da iluminación pública resulta fundamental, e esta necesidade é extensiva a todo o termo municipal, nomeadamente ás parroquias, pero resulta especialmente necesario no centro urbano, onde se concentra unha parte importante dos negocios”.

Coveliño sen luz

Para o edil nacionalista é “entendíbel” que as incidencias poidan producirse mais “debe haber capacidade de dar resposta e actuar coa rapidez suficiente xa que o mantemento do alumeado público é un servizo básico que debe funcionar con normalidade” e que, cando se produce unha avaría, debe existir un protocolo de actuación eficaz que permita a súa reparación no menor tempo posíbel. “Non se pode normalizar que haxa apagamentos constantes”, sinalou, engadindo que “non se trata de facer confrontación, senón de dar resposta a unha demanda que moitos veciños e veciñas nos trasladaron. O noso labor como grupo municipal é escoitar, recoller estas preocupacións e trasladalas ao Goberno local para que adopte as medidas oportunas e mellore os mecanismos de revisión, mantemento e reparación da iluminación pública pero tamén vemos como o Goberno non atendeu debidamente este servizo descoidándoo até o punto de que non se resolven as incidencias en tempo e forma”.

Por todo o devandito, explicou, “instamos ao Executivo municipal a reforzar os servizos de mantemento, a revisar o estado das instalacións e a dar resposta ante incidencias, co obxectivo de garantir que Ribeira conte cun bo servizo de iluminación”.

Finalmente, Xabier Vidal puxo en valor a importancia de “actuar con previsión evitaría que se repitan apagamentos prolongados. Estamos convencidos de que, con organización e prioridade política, é posible garantir un servizo de iluminación eficaz en todas as parroquias e no centro urbano”. No BNG, concluíu, “seguimos traballando para que Ribeira funcione mellor. Se hai un problema, propoñemos solucións e tendemos a man para mellorar a situación”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

O Congreso dos Deputados aprobou  -medio século dempois da ocupación do Sáhara Occidental por Marrocos- a nacionalización de saharauís, feito que se produce en plena polémica co país norteafricano. A medida pode afectar/beneficiar a aproximadamente 80.000 persoas e os...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.