Juan Caballero (texto e fotos). O irmandamento entre dúas grandes entidades galegas, como son o Liceo Marítimo de Bouzas, vicedecano da náutica galega, e o Real Club Náutico Portosín, xerou o seu primeiro gran evento organizado de maneira conxunta: o Desafío Rías Baixas NB21, unha regata con trazado costeiro, de ida e volta entre a ría de Vigo e a ría de Muros e Noia, en dúas xornadas continuas, que se celebrará os días 30 e 31 de maio.
Destinada á Clase Cruceiro a participación estará reservada aos Solitarios A1 (un tripulante), que será Campionato Galego por decisión da Real Federación Galega de Vela, aos A2 (dous tripulantes) e aos A3 (tres tripulantes), tendo por primeira travesía a subida desde Bouzas ata as inmediacións da bocana do porto do Real de Portosín, no interior da ría muradá e noiesa, cuxas augas serán as protagonistas do segundo día de navegación, no seu trazado de retorno.
Con preto de 100 millas náuticas, durante as dúas xornadas de regata, ambas as entidades crean un novo reto para os amantes da vela, sector deportivo entre o que xa xerou certa expectación e moi boa acollida, como evento que promociona a rica cultura marítima de Galicia, saudábel e sostíbel ao ser navegación a vela, e que vén complementar unhas necesidades que se demandaban no ámbito de tripulacións reducidas ou en solitario.

Os premios que se outorgarán na proba son os mesmos que se disputaban durante a celebración da Regata Costa da Vela NB21, agora Desafío Rías Baixas NB21, entre os que se inclúen o Trofeo Vepersa, ás primeiras embarcacións que, en tempo real e en cada unha das categorías oficiais, crucen a liña imaxinaria entre o Faro de Camouco e a Illa de Ons; e o Faro de Picamillo e terra, no seu trazado de subida e respectando os pasos naturais de navegación marítima, así como o Trofeo Juan Piñeiro, que será entregado ao veleiro que, unha vez sumados os tempos investidos en ambas as xornadas, rexistre o menor real posíbel, sen a aplicación de compensados.

Miguel Pereira, presidente LM Bouzas, declarou: “Agrádanos enormemente organizar estas regatas en común co Real Club Náutico de Portosín e, máis aínda, cando a aposta se refire a unha regata costeira de longa distancia, para tripulacións reducidas, que representan a esencia máis auténtica de Liceo. Apostamos pola verdadeira emoción da vela que xorde da simplicidade e o desafío. As tripulacións reducidas non só poñen a proba a técnica e a resistencia, tamén fortalecen os lazos entre quen comparte esta paixón, destacando a importancia de manter vivas estas experiencias competitivas, como agora mostran os clubs organizadores deste Desafío Rías Baixas”.
Pola súa banda, Miguel Reboreda, comodoro do RCN Portosín, sinalou que “detectamos que no calendario de regatas galego faltaba unha gran proba para a frota de Solitarios, A2 e A3. Hai xa anos que se celebrou a última Regata Castrosua, que supoñía todo un reto para os seus participantes. Con esta nova regata vimos cubrir, en parte, ese baleiro. Cunha dobre xornada de 40 millas, a proba exponse como un auténtico desafío para todos os regatistas. Serán dúas longas etapas que incluirán unha parada nocturna en Portosín, pensado para repoñer forzas antes de continuar á primeira hora do día seguinte. As condicións de navegación serán clave para poder completar o programa previsto, aínda que traballaremos con diferentes escenarios para adaptarnos a cada situación”.
Ambas as entidades traballan de maneira conxunta na elaboración do anuncio da regata e das súas respectivas instrucións, depurando ao detalle todo o seu contido, baseado nas travesías offshore e coas máximas puntualizacións en equipamento e seguridade, cuxa publicación se realizará en breve, a través da páxina oficial da Real Federación Galega de Vela, ESCORA.




