Muros presenta a súa Semana Santa 2026 cun programa que combina tradición, relixiosidade e atractivo turístico

24 Marzo 2026

A concellaría de Cultura e Turismo e a Asociación Semana Santa Muradana presentaron este martes 24 de marzo a programación da Semana Santa Muradana 2026, unha das citas máis destacadas do calendario cultural e relixioso do municipio, que combina tradición, participación veciñal e atractivo turístico.

No acto de presentación participaron a concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, xunto con José Luis Martínez e Manuel Lago, membros da Asociación Semana Santa Muradana, entidade encargada da organización dos actos.

A axenda desenvolverase entre o 27 de marzo e o 5 de abril, incluíndo celebracións litúrxicas e procesións que percorren as rúas e prazas da vila, convertendo Muros nun escenario de gran valor patrimonial e simbólico durante estas datas.

Entre os actos máis destacados figuran a procesión do Domingo de Ramos, a celebración do Xoves Santo coa procesión da Santa Cea, así como os actos centrais do Venres Santo, co Sermón do Encontro, o Desencravo e a procesión do Santo Enterro. A programación culminará o Domingo de Resurrección, coa tradicional Palomiña e a misa solemne.

Ademais, desde a Concellería de Turismo complétase a oferta cun programa de visitas guiadas durante a Semana Santa, que permitirá afondar na historia, no patrimonio e nas tradicións locais, reforzando así o atractivo turístico do municipio nestas datas.

A concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, destacou a importancia desta celebración: “A Semana Santa é unha das citas máis importantes do noso calendario, na que tradición, cultura e participación veciñal van da man. Dende o Concello seguimos apoiando e colaborando coa asociación para manter vivas estas tradicións e, ao mesmo tempo, poñer en valor Muros como destino turístico nestas datas”.

Pola súa banda, os representantes da Asociación Semana Santa Muradana puxeron en valor o traballo colectivo que fai posible esta programación, así como “a implicación da veciñanza e das persoas colaboradoras que participan cada ano nos actos”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.