Gardacostas conta con 12 novos vehículos para blindar a seguridade no litoral galego (presentación en Porto do Son con Alfonso Rueda)

27 Marzo 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu este venres 27 de marzo a Porto do Son, onde foi formalizada a entrega de 12 novas furgonetas pickups ao Servizo de Gardacostas de Galicia, unha actuación que presidente cualificou como “fundamental” para reforzar a base loxística en terra do servizo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, participa no acto de entrega de 12 pickups a Gardacostas de Galicia. Fotos: David Cabezón.

Durante o acto, no que estivo acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde, explicou que estas novas unidades supuxeron un investimento de preto de 645.000 euros (cofinanciados pola Unión Europea a través do FEMPA) e veñen renovar o parque móbil para que os axentes conten coas mellores ferramentas.

Con esta incorporación, lembrou, o servizo conta xa cun total de 87 vehículos, que se suman ás 24 embarcacións e aos dous helicópteros –con base en Celeiro e Vigo– para ofrecer unha vixilancia integral por terra, mar e aire.

O titular do Goberno galego indicou que a Xunta xa ten prevista unha dotación de 3,5 millóns de euros para a fabricación de dúas novas patrulleiras lixeiras (coas que se renovará e reforzará a frota) e a compra de dous camións con grúa para optimizar o servizo de retirada e reciclaxe de residuos no litoral.

O presidente dixo que Galicia é “a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas propio”, operativo os 365 días do ano.

Destacou tamén o feito de que o seu labor vai máis alá do salvamento marítimo –rescatou a máis de 2.000 persoas desde a súa creación hai máis de tres décadas–, xa que tamén realiza tarefas de loita contra o furtivismo e a contaminación mariña. Así, o pasado ano, o servizo realizou 10.000 inspeccións o que, tal e como afirmou Rueda, resulta fundamental para atallar a venda ilegal de produtos do mar, protexer o traballo do sector e garantir a seguridade alimentaria.

Amais, referendou “o compromiso” da Xunta con este servizo, xa que neste ano 2026 se destina a Gardacostas unha cifra histórica de 18,2 millóns de euros para seguir protexendo a economía, a saúde e o medio mariño galego.

No acto, Rueda agradeceu a implicación dos máis de 140 efectivos que conforman o corpo, aos que se sumarán en datas vindeiras outros 23 tras o proceso selectivo que está actualmente en marcha. Ademais, tivo palabras de recoñecemento para o labor de vixilancia que fan tamén os gardapescas das confrarías e agrupacións de mariscadores.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, participa no acto de entrega de 12 pickups a Gardacostas de Galicia. Porto (Porto do Son), 27/03/26.

O presidente do Goberno galego puxo tamén en valor “a potencia pesqueira fundamental, a nivel rexional a maior de Europa” que representa Galicia, algo que “pasa por ter barcos pescando por todo o mundo, pero tamén por ter aquí a moita xente coidando os nosos produtos para que sigan sendo unha fonte de riqueza e de identidade; esa Galicia Calidade da que sempre falamos ten nos nosos mariscos unha das súas mellores mostras”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.