A Xunta comunicou que este venres 27 de marzo abre o prazo de adhesión dos establecementos comerciais para a iniciativa dos bonos Activa Comercio. Os establecementos poderán sumarse unha única vez para as diferentes edicións deste ano. Este sistema estableceuse como novidade o ano pasado continuando coa liña de simplificación administrativa que impulsa o Executivo autonómico. Os bonos Activa Comercio terán un crédito inicial de 5 millóns de euros.

O obxectivo é “seguir incentivando a demanda comercial e axudando economicamente ás persoas consumidoras, ao tempo que se fomentan as compras nos establecementos comerciais retallistas participantes”, informou a Xunta, engadindo que a apertura do prazo de adhesión dos negocios é o paso previo antes da súa activación á cidadanía, fase para a que os prazos serán establecidos nas correspondentes ordes de cada unha das edicións do programa. Como vén sendo habitual, os bonos estarán en formato dixital en bonosactivacomercio.gal.
Facendo balance do acadado en 2025, a Xunta de Galicia lembra que o ano pasado destinou a esta iniciativa 5 millóns en descontos que propiciaron case 400.000 compras nos máis de 7.400 establecementos comercios adheridos de toda Galicia e mobilizaron arredor de 22,3 millóns. Deste xeito, supéranse os 122 millóns en vendas xeradas desde 2021 grazas a esta acción que se consolidará este ano.
Esta medida consolidada enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, deseñado da man do sector co fin de seguir impulsando os máis de 32.000 establecementos comerciais que dan emprego a preto de 107.000 persoas en Galicia. Entre elas, as axudas xa publicadas por case 4 millóns con tres liñas compatíbeis entre si orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental. Tamén os apoios para a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos da Comunidade, co obxectivo de reforzar a súa excelencia e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran (2,5 millóns), o proxecto de dinamización Vilas Vivas ou o impulso da formación para avanzar na profesionalización do sector. Outras achegas son as dedicadas a impulsar unha Rede galega de Mercados Excelentes (2,3 M€) e accións novidosas como Prato de Mercado, que conecta as prazas de abastos cos restaurantes da súa contorna.



