Emilio Alba Conejo e Patricia Altea Manzano recibirán os Premios Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica 2026

26 Marzo 2026

O doutor Emilio Alba Coello foi o gañador do XIV Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal mentres que Patricia Altea Manzano recibirá o VII Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica. Así o acaba de anunciar o xurado presidido polo empresario e mecenas Ramiro Carregal, fundador de FRINSA (Ribeira), quen fixo un importante anuncio no transcurso da reunión do fallo.

O presidente de honra do xurado pediu incorporar unha addenda para incrementar un 50 % o premio destinado á investigación realizada por menores de 45 anos, de modo que a gañadora desta edición, Patricia Altea, recibirá xa 15.000 euros. Ramiro Carregal quixo destacar e agradecer o gran número de candidaturas que cada ano se presentan a estes premios, que na próxima edición cumpren xa tres lustros, “o que demostra o meu compromiso pleno coa ciencia, a sanidade e a investigación”. Tamén quixo agradecer o traballo de todas as persoas que compoñen o xurado “sen as cales non se podería ter chegado ata aquí, e moi especialmente ao doutor Rafael López”.

O doutor López, presidente executivo do xurado, agradeceu ao mecenas “manter aquel compromiso inicial que permitiu poñer en marcha esta iniciativa hai xa 14 anos, pero tamén incluír, sete anos despois, o premio destinado a mozos investigadores, así como os incrementos das contías de ambos ata esta mesma edición”. Así mesmo, subliñou as dificultades cada vez maiores para elixir as mellores candidaturas ante o nivel alcanzado tanto no Premio Internacional como no de Talentos Emerxentes.

O doutor Emilio Alba, XIV Premio Internacional

Finalmente, o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, dotado con 30.000 euros, recaeu, por unanimidade, en Emilio Alba Conejo, xefe do Servicio de Oncología Médica do Hospital Universitario Virgen de la Victoria de Málaga, catedrático de Oncología da Universidade de Málaga, investigador principal do Grupo de Investigación Clínica e Traslacional en Cáncer de IBIMA, ademais de dirixir o Centro de Investigaciones Médico-Sanitarias (CIMES) da Universidade de Málaga.

“A súa capacidade para integrar asistencia, investigación e docencia foi clave para xerar contornas de innovación cun impacto real na vida dos pacientes”, sinalou o fallo do xurado, que destacou tamén “a súa brillante traxectoria e a súa excepcional contribución á xeración e aplicación de novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro, sempre cun enfoque ético, humano e comprometido coa sociedade”.

Destacouse que o premiado é un referente internacional que salienta principalmente no ámbito do cancro de mama, área na que centrou a súa carreira tanto na práctica clínica como na investigación. A súa traxectoria estivo marcada polo impulso constante á investigación traslacional, clínica e básica, e o seu labor foi decisivo na incorporación de novos enfoques terapéuticos, no avance de métodos diagnósticos innovadores e na mellora da atención integral ao paciente.

Tras obter a súa Licenciatura en Medicina pola Universidade de Málaga en 1981, complementou a súa formación na especialidade de Oncoloxía Médica no Hospital da Santa Cruz e San Pablo de Barcelona e obtivo o grao de doutor en Medicina cunha tese pioneira en factores prognósticos do cancro de mama. Desde entón, “desenvolveu un labor continuado, rigorosa e de alto impacto científico, converténdose nun referente internacional en oncoloxía médica e traslacional”, salientou o xurado.

O seu liderado en sociedades científicas —incluíndo a presidencia da SEOM, a SAC e unha traxectoria prolongada dentro de GEICAM—, así como a súa participación en órganos avaliadores e comisións internacionais, contribuíron a definir estándares formativos, científicos e asistenciais dentro e fóra de España. En paralelo, a súa produción científica supera as 250 publicacións en revistas de alto impacto, múltiples comunicacións en congresos e varias patentes no ámbito dos biomarcadores do cancro de mama. Así mesmo, a súa participación en redes como a RTICC e o seu papel actual como investigador principal da área Temática de Cancro (CIBERONC) foron claves no fortalecemento do ecosistema de investigación oncolóxica en España.

Patricia Altea, Premio a Talentos Emerxentes

O premio a persoal investigador menor de 45 anos (dotado con 15.000 euros) recaeu, nesta sétima edición, na doutora Patricia Altea Manzano, científica titular de Organismos Públicos de Investigación do Centro Andaluz de Biología Molecular y Medicina Regenerativa (CABIMER).

Licenciada en Ciencias Ambientais, realizou dous mestrados universitarios de especialización en Biotecnoloxía e en Ensaios Clínicos e un doutoramento no Centro de Genómica y Investigación Oncológica (GENYO) estudando o uso de nanopartículas para a liberación de fármacos dirixidos a células tumorais. En 2017 obtivo o título de doutora en Biomedicina pola Universidade de Granada, obtendo a cualificación de sobresaliente cum laude e mención internacional.

Tras traballar en Bélxica como investigadora postdoutoral, desde 2024 dirixe o Grupo de Regulación Metabólica y Sinalización en Cáncer del Centro Andaluz de Biología Molecular y Medicina Regenerativa (CABIMER) en Sevilla. O seu obxectivo é poder esclarecer os mecanismos moleculares do cancro para atopar tratamentos máis efectivos para enfermos con cancro metastásico.

O xurado destacou “a calidade, orixinalidade e potencial da investigación que realizou, así como o impulso de novos conceptos no eido do metabolismo do cancro”, así como “o seu enfoque integrador no que a interacción entre dieta, metabolismo e metástase ofrece novas perspectivas con impacto biomédico e social, especialmente relevante no contexto do aumento global da obesidade”.

A repercusión e aplicabilidade do traballo de Patricia Altea vai desde o desenvolvemento de ferramentas de nanotecnoloxía aplicadas á oncoloxía ata a identificación de novas dianas metabólicas con relevancia clínica.

Ao dito súmase “a colaboración multidisciplinar con clínicos e outros expertos, que reforza a translación dos seus achados, mentres que o seu compromiso coa divulgación científica contribúe á visibilidade e transferencia do coñecemento xerado”. Por todo iso a doutora Patricia Altea “encarna de maneira exemplar os valores de excelencia, innovación e impacto que distinguen aos Premios Ramiro Carregal”, conclúe o fallo do Xurado.

Ambos os premiados recollerán os seus galardóns nunha gala que terá lugar nos próximos días en Santiago de Compostela e á que, como é habitual, asistirá boa parte da comunidade científica, médica e universitaria da comunidade galega.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.