CONGALSA, empresa especializada en alimentación con sede no Barbanza, mantén o seu compromiso co tecido deportivo da súa contorna apoiando ao Basket Pobra Asambal, un club que traballa por impulsar o baloncesto base no municipio e achegar esta disciplina ás novas xeracións. No marco desta colaboración, Isabel Cañas, directora de Relacións Externas da compañía, realizou recentemente unha visita ao club, onde mantivo un encontro co seu presidente, Francisco Martís, e puido coñecer de primeira man o labor que desenvolve a entidade para fomentar a práctica do baloncesto entre nenos e nenas.
O Basket Pobra Asambal retomou a súa actividade en 2021 co obxectivo de devolver o baloncesto á vila pobrense, ofrecendo unha alternativa deportiva baseada en valores coma o compañeirismo, o esforzo e o traballo en equipo. Desde entón, o club traballa para consolidar o seu proxecto e ampliar a súa base de xogadores, nun contexto xeográfico no que outras disciplinas como o fútbol ou o remo contan cunha gran tradición.
CONGALSA colabora co Basket Pobra Asambal desde hai cinco anos, contribuíndo a reforzar un proxecto deportivo que promove a práctica do baloncesto entre a poboación máis nova e fomenta hábitos de vida saudábeis.
Liñas de responsabilidade social corporativa de CONGALSA
Durante a visita, Isabel Cañas puxo en valor o traballo que realizan os responsábeis do club para manter viva esta disciplina no municipio. “Sabemos que non sempre é fácil sacar adiante un proxecto deportivo de base e, precisamente por ese motivo, cremos que é importante apoiar iniciativas como esta”, destacou, lembrando que o apoio ao Basket Pobra Asambal enmárcase dentro da política de responsabilidade social corporativa da compañía, a través da cal CONGALSA patrocina a actividade de diferentes clubs e entidades deportivas na súa área de influencia.

Xunto ao respaldo ao deporte base no Barbanza, a empresa impulsa tamén proxectos agrupados ao redor doutros dous eixos principais: o ámbito social, promovendo a inclusión e a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional; e a cultura, favorecendo distintas manifestacións artísticas e culturais na súa contorna máis inmediata.
Con iniciativas como o apoio ao Basket Pobra Asambal, CONGALSA continúa reforzando o seu compromiso co desenvolvemento da comarca do Barbanza, contribuíndo a “que o deporte siga sendo un motor de convivencia, participación e desenvolvemento para a comunidade local”.




