A comarca da Barbanza vive estes días unha explosión de creatividade con selo feminino. Baixo o lema do talento, a arte e o compromiso, as localidades de Ribeira e Boiro acolleron diversas iniciativas que contaron coa participación de Ambar e que sitúan á muller no centro da creación artística, demostrando que a arte é unha ferramenta imparábel para derrubar barreiras.
Ribeira: unha viaxe polas voces femininas
O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira inaugurou con éxito a III Mostra de Mulleres Creadoras, unha cita que xa se consolidou como un referente na axenda cultural ribeirense. Nesta edición, a obra da artista María Eugenia Reiriz capturou todas as miradas. A súa arte destaca pola súa forza emocional, especialmente co retrato de Rocío Jurado, que preside unha serie dedicada ás grandes voces que marcaron a traxectoria vital e artística da autora. Dende a maxestuosidade de Celine Dion ata o temperamento de Lola Flores, a obra da artista de Ambar ofrece un percorrido visual pola forza de mulleres icónicas.

Boiro: Escena sen etiquetas pola diversidade
O Concello de Boiro foi testemuña dun fito de inclusión e artes escénicas. O grupo Elas da Asociación Ambar, compartiu escenario cas artistas de Cenpliés nunha peza única onde o movemento e a música serviron de altofalante para os seus soños. Esta colaboración reivindicou a autonomía e a visibilidade das persoas con diversidade funcional, demostrando que o talento non entende de etiquetas. Como se subliñou durante o acto, o obxectivo é que a diversidade sexa “un valor que sempre sume e que abra camiños para todas”.
Estas actividades forman parte dunha estratexia transversal pola igualdade e a inclusión que continuará nos vindeiros días:
• En Ribeira: A III Mostra de Mulleres Creadoras permanecerá aberta ao público ata o 25 de abril no Centro Cultural Lustres Rivas.
• En Boiro: O Concello reafirma o seu compromiso con programas que fomentan a igualdade a través da cultura.
Dende Ambar quixeron agradecer a gran acollida do público, convidando a toda a veciñanza a seguir participando nestas xornadas de creación e sororidade.




