AGPAS abrirá unha nova sede en Noia-Barbanza para reforzar a prevención do suicidio

17 Marzo 2026

A Asociación Galega de Prevención e Apoio ante o Suicidio (AGPAS) abrirá unha nova sede de atención na comarca de Noia-Barbanza co obxectivo de achegar servizos de prevención, acompañamento e orientación ás persoas que o precisen nesta zona.

A posta en marcha desta delegación territorial será posible grazas á colaboración do Concello de Noia, que está a traballar para facilitar, nunha primeira fase, instalacións municipais onde desenvolver as actividades de atención e apoio á cidadanía.

Desde AGPAS agradeceron a implicación do goberno local e do alcalde de Noia, Fran López, quen —segundo sinala a entidade— amosou desde o primeiro momento unha preocupación real pola situación tras coñecer os datos e informes achegados pola asociación, procedentes de organismos como a Organización Mundial da Saúde (OMS), o Instituto Nacional de Estatística (INE), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou UNICEF.

A partir desta primeira toma de contacto, o rexedor trasladou a súa disposición a avanzar na creación dunha sede estable da entidade na capital comarcal co fin de reforzar os recursos de prevención e apoio na área de Noia-Barbanza.

Desde a asociación lembran que Galicia rexistra historicamente unha das taxas de suicidio máis elevadas do Estado, situándose ademais entre as máis altas de Europa. Subliñan que se trata dunha realidade complexa, vinculada a múltiples factores sociais e persoais como a soidade, as dificultades socioeconómicas, os problemas de saúde mental, o acoso escolar ou o consumo temperán de substancias e outras condutas adictivas.

Neste contexto, AGPAS aposta por unha abordaxe comunitaria baseada na prevención, o acompañamento e a creación de espazos de encontro social a través de actividades interxeracionais, culturais e de sensibilización. A entidade conta ademais cun teléfono de atención 24 horas —que cumpre este ano catro anos de funcionamento— e con varias sedes físicas en Galicia, desde as que ofrece tamén atención profesional individualizada.

Primeiras actividades na comarca

Como primeira iniciativa nesta nova etapa en Noia-Barbanza, AGPAS organizará unha viaxe cultural a Madrid o vindeiro 30 de marzo para asistir como público á gravación do programa El Precio Justo e, posteriormente, ao musical El Rey León.

A actividade terá un prezo simbólico de 99 euros con todo incluído, grazas á colaboración de distintas empresas e entidades.

Sobre AGPAS

A Asociación Galega de Prevención e Apoio ante o Suicidio é unha entidade social centrada na prevención do suicidio e no acompañamento de persoas en situación de sufrimento emocional, traballando desde unha perspectiva comunitaria e de sensibilización social.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.