ADEGA emitiu un comunicado no que advirte das consecuencias ambientais negativas que podería ter para as rías o proxecto de dragaxe do acceso ao porto de Pontevedra no río Lérez que promove Portos, a través do cal preténdese extraer medio millón de m³ de sedimentos potencialmente contaminados pola actividade de ENCE e deitalos fronte á canle de entrada da ría de Arousa.
A asociación ecoloxista di que o punto de vertido destes materiais (denominado “zona B”), designado polo Ministerio en 2025, atópase a apenas 1 milla do anterior punto “E0”, no que até 2017 foron vertidos uns 4 millóns de metros cúbicos de materiais con diferentes graos de contaminación, e dos que case 2 millóns foron mobilizados polas mareas e correntes de afloramento cara ao interior da ría de Arousa. No comunicado ADEGA denuncia que Portos de Galicia, coa aquiescencia do Ministerio, “pretende volver deitar os materiais das dragaxes dos portos de Arousa e Pontevedra nunha localización moi similar á anterior, e ao igual que aquela, en plena canle de entrada da ría de Arousa”.

ADEGA di que os datos dos modelos de dispersión de correntes “corroboraron que os materiais depositados nestas localizacións, e con importantes cantidades de contaminantes, serán recirculados cara ao interior da ría polas mareas e correntes de afloramento, o que fai que se incorporen ás cadea tróficas”. Deste xeito, denuncian, “unha grande parte dos materiais contaminados dos portos e vertidos no mar, como se pretende facer agora cos da canle do Lérez, acaban dispersos por toda a ría de Arousa, socializando a polución”.
Os ecoloxistas sosteñen que a toma de mostras que avala a caracterización dos sedimentos a dragar deste proxecto amosa “preocupantes nesgos metodolóxicos”. Indican que” a totalidade das mostras tomadas nas zonas con cota de dragado de -3,5m foron superficiais e non poderían considerarse representativas da profundidade e do volume de sedimento a dragar”, e que “acontece o mesmo co 72 % das mostras correspondentes á cota de -3m e, igualmente co 57 % das tomadas en zonas con cota de -2,5m”. Seguindo este fío, critican que “o total de material a dragar para o que se fixo só unha toma de mostra superficial resulta ser de de 300.855 m³” e que “as analíticas de mostras superficiais non poden ser utilizadas para caracterizar a totalidade da columna do material a dragar”. Para ADEGA, “este nesgo na metodoloxía da toma de mostras é relevante, xa que unha parte importante da contaminación acumulada na zona procede da actividade de empresas como ENCE, ELNOSA ou TAFISA durante amplos períodos de tempo”. Ditos contaminantes poden ficar acumulados en profundidade, “polo que unha mostraxe maioritariamente superficial amosa o carácter dos sedimentos máis recentes”, sinala os ecoloxistas, lembrando que as analíticas realizadas nos sedimentos presentes na canle amosan a presenza dunha relevante contaminación, principalmente por metais pesados, posibelmente relacionada coa actividade da factoría de ENCE (e antes tamén ELNOSA) na enseada de Lourizán.
Da análise das mostras conclúese que 28 delas que superan o 10% de finos (diámetro < 0,063mm), 17 mostras superan o 20% de finos, 12 mostras superan o 30% de finos e 7 mostras superan o 40% de finos. “Os finos están asociados á presenza de contaminantes e son perigosos pola súa capacidade de expandirse ao seren mobilizados, tanto durante o dragado como na vertedura”, sinala ADEGA, engadindo que “o 27% das mostras superan o 2% de COT (carbono orgánico total), un axente eutrofizante que aumenta o risco e a intensidade da concorrencia de mareas vermellas”.



