Aberto o prazo de inscrición para a Feira de Emprego 2026 (en Boiro o 16 de abril)

12 Marzo 2026

O Concello de Boiro abriu o prazo de inscrición para a III Feira de Emprego do Barbanza, que será o xoves 16 de abril de 2026 no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento situado en Espiñeira. As inscricións para as distintas mesas, tanto para demandantes como para empresas poden facerse na web municipal do Concello.

A feira desenvolverase durante unha única xornada e contará coa participación de empresas de distintos sectores produtivos, entidades formativas e servizos de orientación laboral. Durante a xornada desenvolveranse simultaneamente foros para empresarios, charlas relacionadas co emprego e mellora da empregabilidade e novas tendencias do mercado laboral.

O evento constará de catro mesas con temáticas distintas. Na primeira delas, Absentismo. Inspección de traballo: cumpres ou arriscas?, trataranse temas como o absentismo, a mellora da produtividade ou a importancia do benestar laboral, e estará destinada ás empresas.

A segunda das mesas Oficio ou beneficio: orientación profesional, Universidade vs Formación Profesional, Emprego Público vs. privado está destinada a demandantes e nela trataranse opcións de formación regrada e non regrada, saídas universitarias ou traballo na administración pública.

A terceira das mesas, para demandantes e empresas, Branding que conecta será sobre as posibilidades de ofrece o branding (proxecto de construción e xestión de marca) como diferenciarse, xerar confianza, fidelizar clientes a atraer talento.

A cuarta das mesas destinada tanto a demandantes como a empresas trátase dun foro, Experiencias inspiradoras no camiño de emprender, desenvolvido coa Asociación Boirense de Empresas que ten como propósito achegar ao público exemplos reais de emprendemento no noso territorio.

Ademais da participación nas mesas, as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos nos stands das empresas participantes, realizar prácticas nun simulador da carretilla elevadora, servizo de maquillador e fotocurriculum…

As inscricións para participar en todas as mesas están abertas e poden facerse mediante a web municipal www.boiro.gal.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.