A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da USC logo de ser elixida cun total de 1.397 votos ponderados, fronte aos 721 acadados pola catedrática de Óptica Maite Flores e 148 votos ponderados en branco. O día 12 de marzo producirase a proclamación provisional da reitora electa e do 13 ao 20 establécese o prazo para presentar recursos ante a Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva terá lugar o día 23 de marzo.

A vencedora dos comicios obtivo 666 votos ponderados por parte do Sector I (Persoal docente e investigador con vinculación permanente), 150 do Sector II (resto do PDI), 424 do Sector III (estudantado) e 157 do Sector IV (Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos). Pola súa parte, a outra candidata acadou 414 votos ponderados do Sector I, 83 do Sector II, 169 do Sector III e 55 do Sector IV.
No relativo á participación, houbo un total de 9.664 votos emitidos, dos cales o 87,37% pertence ao Sector I, o 59,37% ao Sector II, o 26,99% ao Sector III e o 77,75% ao Sector IV.
Rosa Crujeiras
Rosa M. Crujeiras é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización. Licenciada en Matemáticas (2001), Diploma de Estudos Avanzados (2003) e doutora en Estatística e Investigación Operativa (2007) pola USC, foi investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain (Bélxica).
Cunha intensa actividade científica no ámbito da estatística non paramétrica, con publicacións en revistas de prestixio (Journal of the American Satistical Association ou Annals of Applied Statistics), ten tamén colaborado con persoal investigador de distintos ámbitos como a ecoloxía, a xeografía, a enxeñaría química, a lingüística, a economía e as ciencias da computación. A súa traxectoria foi recoñecida co Premio ao Novo Talento Científico Feminino 2023 pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e en 2024, xunto coas profesoras M. Alonso e I. Gijbels, recibiu o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e da Fundación BBVA (FBBVA).
Impartiu docencia nas Facultades de Matemáticas, Bioloxía, Enfermaría, Filoloxía e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría en grao, mestrado e doutoramento (nestes dous últimos niveis tamén en universidades estranxeiras), coordinou o doutoramento interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa e é membro da Comisión Académica do programa de doutoramento en Estatística da Sapienza (Italia). Dirixiu ademais sete teses de doutoramento.
Desde a súa incorporación á Universidade de Santiago de Compostela, asumiu distintos cargos na xestión universitaria. Desde outubro de 2010 ata xuño de 2013 foi secretaria académica do Instituto de Matemáticas, pasando posteriormente a ser vicedecana da Facultade de Matemáticas ata xaneiro de 2015. Nesa data incorporouse como adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación, con competencias en calidade, ata xuño de 2017, momento no que pasou a ser vicerreitora ata xuño de 2018. En setembro de 2021 asumiu a Dirección Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), cargo que ocupou ata decembro de 2025.
Desde 2015 colabora como avaliadora para a Axencia Estatal de Investigación así como con outras axencias internacionais e autonómicas, e desde xaneiro de 2023 é membro do comité asesor do IAMAT2 na Universidade Pública de Navarra.

BIOGRAFÍA
Rosa María Crujeiras Casais, nada en Artes (Ribeira) o 19 de febreiro de 1978, é unha matemática galega, catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa e a primeira reitora da Universidade de Santiago de Compostela[.
Licenciouse en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela en 2001 e doutorouse en Estatística e Investigación Operativa no 2007 coa tese Contributions to Spectral Spatial Statistics. Realizou estadías predoutorais nos Estados Unidos e o Reino Unido. Tras un período posdoutoral no Servizo de Consultoría Estatística na USC, en 2008 obtivo outro contrato como investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain, en Bélxica. En xaneiro de 2009 retornou á USC como profesora interina de substitución, desenvolvendo a súa carreira académica nesta universidade. Investigadora do grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA). Dende setembro de 2021 ata 2025 foi Directora Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga)[2].
Foi membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española desde novembro do 2019 ata xaneiro de 2022. Desde 2016 é membro da comisión de seguimento do convenio bilateral entre o Instituto Galego de Estatística e a Universidade de Santiago de Compostela. É editora asociada do Journal of Nonparametric Statistics (revista de referencia en estatística non paramétrica) desde maio de 2019, e editora de números especiais en Environmetrics, Spatial Statistics e Journal of the Royal Statistical Society, Series C. Membro da comisión de selección da Oficina Nacional de Asesoramento Científico, (ONAC). É membro dos comités científicos dos institutos universitarios de investigación en matemáticas IAMAT2, da Universidade Pública de Navarra dende xaneiro de 2023, e IUMA da Universidad de Zaragoza, dende decembro de 2024. Participou en comisións de selección de persoal no Trinity College Dublin, University of Durham, KU Leuven e University of Luxembourg.[3]
Publicou en revistas de prestixio e alto impacto en estatística, de carácter metodolóxico como Journal of the American Statistical Association, Biometrics, Annals of Applied Statistics, Scandinavian Journal of Statistics, Electronic Journal of Statistics ou Test, Stochastic Environmental Research and Risk Assessment ou Journal of Statistical Software.[4]
Este 11 de marzo de 2026 converteuse na primeira reitora da Universidade de Santiago de Compostela nos seus máis de 500 anos de historia.



