A primavera comeza o 20 de marzo ás 15.46 horas

19 Marzo 2026

O comezo das estacións prodúcese cando o Sol no seu percorrido aparente sobre a eclíptica pasa por catro puntos ben definidos: os equinoccios e os solsticios. Os primeiros correspóndense cos puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste, e son os puntos Aries  e Libra. O momento do paso do Sol por Aries, tamén denominado punto Vernal, sinala o inicio da primavera no hemisferio boreal. Isto vai ter lugar o vindeiro venres, día 20 de marzo, ás 15.46 horas.

Durante o presente século a primavera pode comezar entre os días 19 e 21 de marzo. A data máis tardía xa aconteceu en 2003 (ás 2.00 horas do día 21) e a máis temperá aínda tardará ata o ano 2096 (15.00 horas do día 19). En todo caso, a primavera cunha duración de 92,74 días é a segunda estación en duración logo do verán con 93,65 días. Este ano, vaise prolongar ata as 10 horas e 24 minutos do 21 de xuño.

Tal e como explica o profesor José Ángel Docobo, coordinador científico do Observatorio da USC, “nestes dias, na contorna do equinoccio, as duracións do día e da noite son teoricamente iguais. O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera a escuridade”.

A primeira Lúa chea da primavera (este ano o 2 de abril) marca as datas do Entroido, Semana Santa e a Ascensión (festivo en Compostela), xa que logo o domingo de Pascua  (este ano o 5 de abril)  é o domingo seguinte ao primeiro plenilunio da estación que agora comeza.

“Durante os vindeiro meses teremos a oportunidade de observar a simple vista os planetas Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter, e Saturno”, continúa o profesor Docobo. “O primeiro deles, que sempre é difícil de localizar, poderá verse antes da saída do Sol a comezos de abril, e logo do solpor a mediados de xuño”, engade. Venus vai ser o luceiro vespertino durante toda a estación. Dende mediados de abril, Marte e Saturno estarán cara o leste antes do amencer, en tanto que Xúpiter, situado agora na constelación dos Xemelgos, pode contemplarse a primeiras horas da noite, pasando ao oeste despois do solpor a finais da primavera.

Típicas desta estación son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas as cales teñen  os seus máximos os días 22 de abril e 6 de maio respectivamente. Porén, poden deixarse ver entre o 14 e o 30 de abril, e do 19 de abril e o 28 de maio, respectivamente.

O cometa C/2025 R3 (PANSTARRS) é moi posible que chegue a ser visible a simple vista a finais de abril. Ten o seu perihelio (mínima distancia ao Sol) o 19 de abril e pasará a uns 75 millóns de quilómetros da Terra. Agardase que alcance magnitude 0, polo tanto suficientemente brillante. Non haberá eclipses nesta primavera sendo necesario agardar ata agosto onde aparte do ansiado total solar do día 12 dese mes teremos así mesmo unha case total de Lúa o día 28.

Estudantado no campus. FOTO: Santi Alvite

Precipitacións

Remata agora o segundo inverno máis chuvioso deste século cun total de  831,3 litros/m2 recollidos no pluviómetro da estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. No do ano 2025  se mediran 748 l/m2 , que era antes o que tiña a segunda posición en choiva logo daquel outro de 2001, que superara amplamente a estes dous con 1.445,7  l/m2. No actual inverno, a temperatura máxima se acadou o día 17 de marzo con 24º2, en tanto que a temperatura mínima foi a do día de Reis, con 0º3. 
 

Datos de choiva dos invernos 2000-2001  e 2025-2026
Datos de choiva dos invernos 2000-2001 e 2025-2026

Outros artigos

Domingo 19, nubes e claros e temperaturas sen cambios

O domingo, seguimos baixo a influencia anticiclónica, aínda que coa presenza de aire frío en altura que deixará unha xornada de certa inestabilidade atmosférica. Os ceos presentarán alternancia de nubes e claros na maior parte do territorio, mentres que co avance do...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“A primeira reitora”. Luís Celeiro

“A primeira reitora”. Luís Celeiro

A Universidade de Santiago de Compostela está situada entre as mellores, segundo os rankinsmundiais de máis prestixio, aqueles que avalían todas as potencialidades e as capacidades dasinstitucións universitarias e de ensino superior. En Galicia, nesta esquina ou xa no...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.