O Rapants Club xa é unha realidade. O Multiusos Fontes do Sar acolleu na noite deste sábado 28 de marzo a estrea ao vivo do novo disco da banda muradá. O público (case 6.000 persoas) encheu o recinto para escoitar e cantar, por primeira vez, as 12 cancións do cuarto LP da banda. Unha pequena sesión sorpresa dunha formación de mariachis sorpresa e a entrega do carné de socia/o de Rapants Club foron os primeiros agasallos que o público recibiu ao acceder ao recinto, no que os composteláns Ulex quentaron o ambiente coas súas guitarras.

Ás 21.05 da noite Mati, Samu, Xanma e Xaquín saltaban ao escenario para presentar o seu novo disco. Ao longo da noite, Galician Army, Grande Amore, Sara Faro (Fillas de Cassandra), Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e 9Louro acompañaron n á banda nesta grande festa da música galega.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin, e a concelleira de Deportes e Festas, Pilar Lueiro, asistiron á celebración.
Rapants Club -xa dispoñíbel nas plataformas dixitais– é en palabras da banda “o álbum máis fiel ao noso carácter e gustos”. Son unha ducia de temas “chamados a ser novos himnos para toda unha xeración”, engaden, salientando as influencias dos 70 aos 2000, do disco ao rock pasando polo indie.
Todo iso e máis está presente en Jrasias Por Confiar, Tranquila, Todo Era Veneno, Máis Bicos Que Rosas, Suave, Por que son así, Ancoradoiro, Sin Medo, 22, Vai Ser Ijual (con versos épicos como “quero jastarme máis contijo que na AP9” ou “que a morte nos pille nun pogo a punto de romper”) ou a xas coñecidas Viaxei e Non Sei Como. Todas forman parte dun conxunto de doce cancións bonitas e atemporais nas que a lírica rapante segue a destacar por afiada, certeira e próxima ao seu público.
Para este cuarto LP, The Rapants contou coa experiencia na produción dunha tríade de profesionais que axudaron a acadar o álbum máis rapante dos publicados até o momento. Anxo Ferreira (ex Novedades Carminha), Raúl Pérez (La Mina) e Miguel León (Boavista) deron pé á modernización do son da banda, animándoa a xogar e explorar no seu proceso creativo: Rapants Club é un recompilatorio musical e visual que mostra o xeito de entender a vida dos seus membros, con músicas de todos os estilos e enerxías, pero sempre desde a emoción máis sinceira.
Desta volta, ademais, The Rapants con tres colaboracións. Alén da xa coñecida incursión, por vez primeira no galego, de Joe Crepúsculo -no tema Non Sei Como, o primeiro sinxelo do disco-, Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e Sara Faro (Fillas de Cassandra) suman as súas voces a Por que son asi.
A grande inauguración do Rapants Club foi este sábado 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. S



