
Un ano máis a Semana Santa da Pobra será unha das principais celebracións relixiosas de toda Galicia, en parte pola súa vertente relixiosa (cun programa dobre de celebracións principais achegadas polo Santiago da Pobra do Deán e Santa María A Antiga), en parte pola vertente cultural e turística reforzada polo Concello.
A primeira actividade do Concello realizarase o mércores 1 de abril. Trátase dun obradoiro de marisqueo a pé na praia dos Areos, que terá como punto de encontro a Casa Mariñeira ás 12.00 horas. O prezo será de 6 euros para menores de 10 anos e 12 para os maiores de 11.
A programación continuará o Xoves Santo, 2 de abril, con xogos tradicionais, completamente de balde, na praza do Cantón da Leña a partir das 17.30 horas.
O Sábado de Pascua, 4 de abril, desenvolverase unha ruta turística polo río das Pedras guiada por Joaquín Rubal. Nesta ocasión a actividade é recomendada para maiores de 12 anos. A saída será ás 10.00 horas fronte á Casa Mariñeira e o prezo, de 15 euros, inclúe o traslado en microbús ata o miradoiro de Valle-Inclán.
O domingo 5 de abril celebrarase unha andaina guiada polos Areos baixo o título Descubrindo o barrio industrial do Caramiñal, da man de José Manuel Vázquez Queté, tamén recomendada para maiores de 12 anos. O punto de encontro será o paseo dos Areos, fronte á estatua da Pescantina, ás 11.00 horas. Esta actividade será de balde e as prazas son limitadas.
Todas as propostas, excepto os xogos tradicionais, requiren inscrición previa, que pode realizarse na Oficina de Turismo da Pobra.

Polo que se refire ás celebracións relixiosas, na parroquia de Santiago da Pobra do Deán os actos comezan o Domingo de Ramos (29 de marzo) coa Bendición dos Ramos e a misa en Santa Cruz (ás 10), coa Bendición de Ramos no adro do Castelo (ás 11.30 horas) e coa procesión de Ramos (A Borriquita, acompañada do grupo Xiada da Pobra) ás 11.45 horas. Logo, ás 12.30h, celebrarase a misa. Ás 20.00 horas está prevista outra misa no Castelo.
A axenda do Mércores Santo (1 de abril) comezará coas confesións ás 18.00 horas e coa misa da Confraría do Santo Enterro e da Nosa Señora da Soledad, ás 20.00 horas. Será un oficio en memoria dos cofrades defuntos e incluirá un acto de imposición de medallas.
O Xoves Santo, 2 de abril, comezará coas confesións ás 10.00 horas e proseguirá pola tarde (ás 19h) coa misa vespertina da Cea do Señor e a continuación a procesión do Bico de Xudas coa Banda de Música da Pobra do Caramiñal. Ás 23h celebrarase a Hora Santa.
O Venres Santo (3 de abril) están previstos ás 18h os Oficios da Paixón do Señor. Ás 19.30 horas será o Sermón do Desencravo e, logo, a Procesión do Santo Enterro (coa Banda de Música de Valga).
O programa do Sábado Santo (4 de abril) inclúe a Procesión da Soledad (ás 21.00h) e a Solemne Vixilia Pascual (ás 22.00h).
O Domingo de Resurrección, 5 de abril, haberá misas ás 10h (no Castelo), ás 11 (en Santa Cruz), ás 12 (no Castelo) e ás 20.00 (no Castelo).
A axenda de Santa María a Antiga comeza o 27 de marzo (Venres de Dolores) cunha misa solemne ás 20 e a procesión ás 21h.
O Sábado de Paixón (28 de marzo) vén cunha misa da Confraría (ás 19.30, coa imposición dos distintivos aos novos cofrades) e o pregón da Semana Santa a cargo de Elena Bernárdez, presidenta da Xunta de Confradías de Semana Santa de Santiago (ás 20.30 horas).
O Domingo de Ramos (29 de marzo) haberá bendición de ramos, procesión e celebración da eucaristía, ás 11.30 horas no Cantón da Leña.
O Mércores Santo (1 de abril) celebrarase o Vía Crucis ás 22 (con saída da capela do Cemiterio).
O Xoves Santo están previstos os oficios ás 18, a procesión ás 19 e a celebración da Hora Santa ás 23.
O Venres Santo (3 de abril) comezará co Sermón e a Procesión do Encontro (ás 11.00 na praza de García Martí) e seguirá pola tarde cos Oficios da Paixón do Señor (ás 18.30) e a Procesión dos Caladiños (ás 23h).
O Sábado Santo (4 de abril) inclúe a Santa Vixilia Pascual das 22h e o Domingo de Resurrección a misa das 11.30h e a Procesión do Resucitado ás 12.30 horas.




