A histórica nave de Cerqueira situada en pleno corazón do barrio de Bandourrío xa forma parte do patrimonio público de Ribeira. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, valorou “moi positivamente” a compra deste importante edificio por parte do Concello de Ribeira, un proceso que na súa parte decisiva abrangueu dúas lexislaturas e dous gobernos diferentes, cuxo traballo (a pesar dos debates nos que se enlearon os grupos políticos) foi fundamental para lograr este histórico fito para Santa Uxía, que recupera así (e pon en valor) boa parte do seu rico pasado industrial e pesqueiro.

502 metros cadrados
Segundo apuntou a rexedora, “a finais do mes de outubro coa xestión da documentación perceptiva como é o informe de Patrimonio, ademais de ser aprobado no pleno ordinario da Corporación municipal do 23 de febreiro deste ano; órgano competente para aprobar a adquisición de bens inmóbeis declarados de valor histórico ou artístico independentemente do seu valor económico”.
Engadiu que o valor da transacción é de medio millón de euros. A construción conta cunha superficie de 502 metros cadrados que serán transformados nun espazo multiusos a disposición da veciñanza, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiados con fondos Next Generation EU.
“Hoxe podemos anunciar que a nave de Cerqueira xa é patrimonio de todo o pobo de Ribeira, saldando así unha débeda coa sociedade”, segundo apunta a rexedora, engadindo que “foi un trámite ao que lle demos prioridade dende que chegamos ao goberno”. Sinalou que “este Executivo pasa das palabras aos feitos e, en apenas uns meses, fomos quen de resolver un expediente cargado de informes técnicos e vinculantes para que sexa unha realidade que esta edificación pase a ser propiedade dos ribeirenses”.
Sampedro amosouse positiva sobre “a versatibilidade deste espazo” para as actividades municipais e dos diferentes colectivos, ademais do bo estado que presenta a infraestrutura, se ben “hai que facer un plan de seguridade e melloras”.
Musealización da edificación anexa
O Concello de Ribeira iniciou o 2026 en materia de contratacións sacando a licitación a redacción do proxecto de musealización da edificación anexa á nave de Cerqueira. A alcaldesa sinalou que dito proxecto “contempla a conversión do edificio industrial nun equipamento cultural que se poderá visitar, sen perder o seu carácter produtivo e marítimo”.
O orzamento da licitación é de 11.495 euros, IVE incluído, que se financiará a través dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Ribeira para a execución Plan de Sustentabilidade Turística no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado cos fondos europeos Next Generation.
“Todo isto posibilitará o uso público deste edificio cun valor patrimonial, industrial e cultural que forma parte da idiosincrasia de Ribeira”, rematou a alcaldesa.




