Ruxía el e ruxíanlle os dentes. Estaba acovardado por aquel ruído e aquel tremor do seu corpo
enteiro, dende a cabeza ata a mesma punta dos pés. Ao parecer o tremor era máis intenso na súa
parte dereita, na perna dereita, no brazo e no ombreiro da dereita, na orella dereita e no corazón,
aínda que está centrado (ou descentrado) á esquerda. Alí está o corazón dos vivos, agardando que a
soidade vaia pasando e saudando, sen sacudidas bruscas e dolorosas.
A soidade é ruda como unha carneira, dálle topadas á xente e, canto máis aguanta, cala e transixe,
máis topadas. Anda a topadas cos valados, para impedir que outros acariñen a ladeira. Esa ladeira de
toxos e xestas, de monte e moreas de brea parda. A soidade, ese sentimento que aperta e abate a
moita xente, é como un mal menor neste mundo de sentimento noxento, no que o fastío é tan
insoportable como repugnante.
Os homes e as mulleres deste mundo mundial non saben que facer, nin que camiño coller. Entre o
malo, escollen calar, agardar, pensar e mirar. Así pasan a vida, cavilando e matinando nun mundo
mellor, que non se achega, que non se ve por ningures e que, en todo caso, escapa da mirada dos
mortais, de nós, de todos os lectores, das lectoras e dos intérpretes do que se di, do que se escribe e
do que se pensa.
A humanidade está tremendo e moi asustada polo que poida pasar. Está desorganizada e
escravizada, ás ordes dos escravos do poder, do poder único, do que manda no mundo e que ten
monicreques de mensaxeiros. O primeiro, ese espabilado Donald Trump que, se puidera, desfaría o
mundo, con tal de arranxar o seu. Dá medo escoitalo e, ao velo na televisión, calquera sente repelús.
A moitos coñecidos, xente de ben, bracúñanlles os dentes ao sentir falar del. Pero hai máis, hai
outros como el, dedicados unicamente ao seu, vixiantes dos seus intereses económicos e/ou
políticos.
A eses señores da guerra cómpre dicirlle que é conveniente parar, que hai que parar e nada máis! Se
acaso, hai que recuperar a desfeita, hai que resarcir e indemnizar ás vítimas e hai que retirarse para
sempre do cadro de mando e dar paso á xente honrada, preparada e con sentido común, da
equidade e da xustiza. Como di a Tía Manuela, “aí está a valentía e a grandeza dos líderes”.
“É o que hai, e punto”. Antón Luaces
De feito o bloqueo naval de Estados Unidos de América ao estreito de Ormuz non tivo, ata o de agora, maiores consecuencias que as propias dun paiaso da "tele" que pregunta "Como están vostedes?" e a conseguinte resposta da rapazada: "Been!". Porque o acontecido...




