A Exposición da Camelia e do Bonsái de Padrón celebra os seus dez anos de andaina (a partir do 21 de marzo)

09 Marzo 2026

O Convento do Carme de Padrón acollerá a fin de semana do 21 e 22 de marzo a X Exposición da Camelia e do Bonsái, un evento que chega ao seu décimo aniversario consolidado como unha das citas máis destacadas do calendario floral galego. Nesta edición tan especial a mostra organizada polo Concello de Padrón coa dirección de José Freire contará con 70 expositores, atraendo un ano máis a afeccionados e expertos de toda Galicia.

A apertura da exposición será o sábado 21 de marzo, a partir das 9.30 horas, coa colocación das flores por parte dos participantes. A inauguración oficial está prevista para as 13.00 horas, momento no que se celebrará unha homenaxe ao gran coleccionista Ramón Abalo, o afeccionado de Oín que cultiva máis de 700 especies no seu xardín familiar, un patrimonio natural único no veciño municipio de Rois.

As persoas que se acheguen ao Convento do Carme ao longo da fin de semana poderán gozar dun amplo programa de actividades con obradoiros gratuítos para todos os públicos.

Por exemplo, o sábado 21 a exposición incluirá tres obradoiros: un de iniciación á técnica de pintura tradicional xaponesa Sumi-e impartido por Mar de la Corte (con sesións ás 17.30 e 18.30 horas e inscrición previa), outro de conservas vexetais artesanais a cargo de Carmen Freire Cruces (18.30 horas) e un terceiro de bonsái, que se celebrará durante toda a xornada e estará impartido pola Asociación Cultural Bonsái A Estrada.

O domingo 22 a programación continuará con novidades como o Escape Room A dama das Camelias, a partir das 11.00 horas para rapazada de 8 a 14 anos e para a que é preciso inscribirse con antelación. Unha visita guiada á mostra a cargo de José Freire (12.30 horas) e un obradoiro de poda e coidado de froiteiras (16.30 horas) impartido polo enxeñeiro Alfonso Touceda completan un evento que pechará as súas portas ás 19.00 horas.

Ao longo das dúas xornadas, os amantes da natureza e da arte floral que se acheguen á exposición padronesa tamén poderán visitar as dúas exposicións permanentes que acollerá o Convento do Carme: a mostra de pintura en acuarela Sumi-e A sutileza da auga e do xesto, da academia artística Mar de la Corte, e a de pintura Do estudo á luz, na que corenta alumnos do centro arousán expoñerán as súas obras.

Premios ás mellores camelias de Galicia

Como xa é tradición, o certame entregará diversos recoñecementos aos expositores participantes, incluíndo os premios Amigos da Camelia de Padrón, que distinguirán os mellores lotes de flores en distintas categorías, e o premio Orixe Galega á flor individual máis fermosa de orixe galega.

Co apoio do concello de Padrón, e tras unha década dando a coñecer o valor ornamental e patrimonial desta especie e poñendo en valor o traballo de cultivadores e expertos de todo o país, a Exposición da Camelia e do Bonsái chega ao seu décimo aniversario co mellor regalo, reafirmarse como unha cita imprescindíbel no calendario cultural e botánico de Galicia.

Outros artigos

Mats Wenzel imponse na 63ª Clásica de Pascua

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño, participou activamente este domingo 12 de abril na 63ª Clásica de Pascua, sendo o encargado de dar a saída oficial da proba coa tradicional corta de cinta e formando parte...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.