A Deputación afonda dende Muros no desafío de implicar á mocidade nas programacións culturais

26 Marzo 2026

A Deputación da Coruña celebrou este xoves, 26 de marzo, en Muros, a segunda xornada técnica da Rede Cultural, centrada na análise e mellora das políticas culturais públicas, cun enfoque específico no papel da mocidade. O encontro tivo lugar no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil da localidade entre as 16:30 e as 20:30 horas e contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González.

Esta sesión formou parte das xornadas técnicas que a institución provincial promove para favorecer a reflexión colectiva e a mellora continua dun servizo público que chega aos 93 concellos da provincia e mobiliza arredor de dous millóns e medio de euros, abranguendo ámbitos como o musical, escénico, audiovisual ou a dinamización da lingua galega.

Baixo o título A mocidade e as artes, o foro abordou un dos retos actuais da xestión cultural: a conexión coa xente nova e a súa participación activa na vida cultural. A xornada propuxo repensar os modelos tradicionais de programación para avanzar cara a fórmulas máis participativas, que incorporen a voz da mocidade non só como público senón tamén como axente protagonista na creación e toma de decisións.

Na apertura do foro, a deputada de Cultura, Natividade González, reiterou que a participación da mocidade “ten que ser unha preocupación das administracións públicas”, e destacou a importancia de impulsar encontros como o celebrado en Muros.

Segundo a súa visión, “non se trata tanto de programar actividades para a mocidade, senón de programar”coa mocidade, facela partícipe”.

Sinalou que o obxectivo é que, a partir deste foro, xurdan ideas que permitan achegarse á xente moza, «esas persoas tan importantes da sociedade que precisamos que formen parte dos nosos programas».

Desenvolvemento

O encontro desenvolveuse cun formato participativo e dinámico, conducido por Carlota Mosquera, que simulou un consello da mocidade no que estiveron representados distintos ámbitos da cultura e do tecido social. Nesta dinámica deuse voz a persoas mozas, profesionais da xestión cultural, representantes asociativos e outros axentes implicados, co obxectivo de compartir experiencias, detectar necesidades e formular propostas de mellora.

Con esta iniciativa, a Deputación procura fortalecer a colaboración entre os distintos sectores que forman parte da Rede Cultural —persoal técnico, compañías e artistas, e públicos—, promovendo unha cultura máis accesíbel, inclusiva e conectada coa realidade social. Tamén se pretende avanzar na creación de espazos de participación estábeis para a mocidade que contribúan a canalizar as súas inquedanzas e propostas no ámbito cultural.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.