
Limpar as praias de lixos mariños é o obxectivo do proxecto medioambiental Plancton, organizado pola Afundación en colaboración con máis de 40 persoas voluntarias pertencentes á comunidade educativa da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) que se desprazaron na mañá de hoxe venres, 20 de marzo, até a praia muradá de Ventín nun gran operativo de limpeza.
Sinalar que ao remate da xornada, e logo da conclusión das tarefas de identificación e clasificación dos residuos, a balanza reflectiu un total de 359 quilos de lixo mariño, 309 deles plásticos.
Os traballos de limpeza comezaron ás 10 horas. Organizados en varios grupos, os e as estudantes e docentes percorreron a praia para retirar os residuos. Como é habitual neste tipo de limpezas, e dun xeito máis acusado polos efectos da cadea de temporais deste inverno, localizaron principalmente restos de obxectos vinculados ás actividades económicas desenvolvidas no mar como a pesca ou os cultivos mariños. 2094 cordas, 613 anacos de redes, cabos e cabiños, sedelas, 448 anacos de polespan ou escumas sintéticas empregadas como flotadores nas artes de pesca, nasas portuguesas e 458 tarugos de batea.
Engadir que as persoas voluntarias recolleron tamén distintos obxectos relacionados coas actividades de recreo que se desenvolven no propio espazo, en áreas próximas ou que son arrastrados polo mar. Nesta ocasión contabilizáronse restos de bolsas e envoltorios, envases e botellas de plástico, 300 tapóns, bastonciños (tanto de lambetadas como de limpar os oídos), 27 chisqueiros, 13 xoguetes, 15 unidades de calzado, 8 cartuchos de caza, ademais de 7908 anacos de plástico de diferentes tipos e tamaños, non identificábeis debido á súa fragmentación e deterioración no mar.

Esta é a cuarta ocasión na que o voluntariado convocado por Afundación actúa no Concello de Muros. A finais do pasado mes de xaneiro, e coa participación das mariscadoras da confraría deste municipio, conseguíronse retirar preto de 400 quilos de residuos das praias de Cubanas, Area do Medio e O Seixal, coa que se iniciou esta edición 2026 do programa Plancton. Con anterioridade, en 2023 efectuáronse limpezas nas praias de Lariño e Ventín nas que se retiraron máis de 500 quilos de residuos.
Como en edicións anteriores, a xornada desenvolveuse coa colaboración do Concello de Muros, encargado da xestión final de todos os residuos retirados das praias durante a actividade.
Despois da xornada de hoxe, o programa Plancton supera xa as 155 toneladas de lixo mariño retiradas de fondos, praias e costas de Galicia, unha iniciativa acorde co compromiso de Abanca e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, especialmente cos ODS 13 Acción polo
Para máis información sobre o programa Plancton cómpre visitar a web habilitada.



