
Este martes 3 de marzo terá lugar no Auditorio Municipal de Rianxo unha charla informativa sobre o programa de acollida Vacacións en Paz 2026 impulsado por SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí).
Vacacións en Paz é un programa de acollemento temporal de nenos e nenas saharauís en familias, durante os meses de xullo e agosto para, entre outras moitas cousas, facilitar as revisións médicas, proporcionar unha alimentación saudable e evitar a estancia nos campamentos de refuxiados nos que se poden acadar os 50º á sombra.
A charla será ás 19:30 horas no Auditorio de Rianxo.
A colaboración do Concello de Rianxo con SOGAPS (Solidariedade Galega Co Pobo Saharauí) maniféstase en varias frontes de traballo. Unha delas é precisamente a través da iniciativa Vacacións en Paz. Dende o Concello informan ás persoas que teñan interese en converter os seus fogares en fogares de acollida este verán poden contactar con SOGAPS a través de asociacionsogaps@yahoo.es ou o número de teléfono móbil 678 727 382.
Máis detalles do programa
Durante os meses de xullo e agosto, familias galegas poden acoller a menores saharauís nun programa promovido polo goberno da República Árabe Saharauí Democrática e xestionado pola Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharauí (AGASPS).
Obxectivos do programa: facilitar revisións médicas e atención sanitaria; garantir unha alimentación saudable que compense déficits nutricionais; evitar as altas temperaturas dos campamentos, que poden chegar aos 50º á sombra; apoiar o aprendizaxe de castelán e galego, reforzando os seus estudos; sensibilizar á sociedade galega sobre a situación do pobo saharauí; e descubrir unha nova cultura e realidade, tamén no tempo de lecer.
O programa vai dirixido a todas as persoas e familias que desexen apoiar a causa saharauí e contribuír a mellorar a calidade de vida destes menores que medran nos campamentos de refuxiados.




