
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) inicia unha nova campaña de promoción comercial con motivo do Día do Pai (o xoves 19 de marzo), unha iniciativa destinada a incentivar as compras nos establecementos asociados e premiar a fidelidade da clientela nestas datas sinaladas.
A campaña desenvolverase do 6 ao 18 de marzo e permitirá ás persoas consumidoras participar no sorteo de tres xamóns, un produto que destaca pola súa calidade e que leva o selo “Produtos da Praza de Abastos de Boiro”, reforzando así o apoio ao produto fresco e ao comercio de proximidade.
Como participar
Para entrar no sorteo, as persoas clientes deberán rexistrar os seus tíckets ou facturas de compra de calquera empresa asociada a través da aplicación habilitada na web da ABE.
Cada rexistro válido equivalerá a unha participación no sorteo, podendo rexistrarse cada tícket ou factura unha única vez. Serán admitidos aqueles rexistros realizados dentro do período da campaña e correspondentes a empresas asociadas, cuxo listado actualizado pode consultarse na propia web.
Sorteo e entrega de premios
O sorteo celebrarase o 18 de marzo ás 9:00 horas. A ABE contactará directamente coas persoas premiadas e dará difusión aos resultados tanto na súa páxina web como nas redes sociais.
Os premios poderán recollerse a partir do propio 18 de marzo.
Compromiso co comercio e o produto local
Desde a ABE subliñan que esta campaña “continúa a liña de accións destinadas a dinamizar o consumo de proximidade, poñendo en valor nesta ocasión os produtos da Praza de Abastos de Boiro como sinónimo de frescura, confianza e calidade, do mesmo xeito que en anteriores edicións se destacou o selo de produtos dos propios negocios asociados”.
Para a a ABE, o Día do Pai, que coincide tamén coa onomástica dos Xosés, Xosefas, Pepes e Pepas, “representa unha das citas máis significativas do calendario comercial e unha ocasión perfecta para celebrar en familia”. Desde a patronal boirense animan á veciñanza a “aproveitar estas datas para ter un detalle especial e facer as súas compras no comercio local, apoiando así a economía de proximidade”.



