“Sempre respectable”. Luís Celeiro

01 Febreiro 2026


Era un rapaz coma moitos outros, coma todos os outros do seu lugar e dos outros. Choraba igual que
choran todos, cando hai que chorar, e sufría coma sofren os febles, os desamparados no mundo
organizado polos poderosos. Era loitador preparado para as inclemencias temporais e do tempo. El
era así e non hai nada que pensar nin nada que facer. Quería falar do tren e non podía, quería que o
mundo reparara as inxustizas e non era quen de conseguilo, non podía pensalo e tampouco se
atrevía a contalo.
Aquel home escondíase detrás do seu silencio apoucado, detrás da xustiza social que reclamaba e ao
lado da ponte que colapsaba. Brillaban os seu ollos ao sentir medrar o monte que se queimara. Eran
os mesmos ollos que choraban cando, uns meses antes, tódalas esquinas alampaban e fumegaban
sen parar. Un suplicio, un verdadeiro calvario que acompaña ao corpo doente e á alma perdida e
chea de pesadume e de pena.
Un desastre e despois outro. Veñen seguidos e neles perden os mesmos, sempre perden os mesmos,
os débiles. É igual que o refrán: “se dá o cántaro na pedra ou a pedra no cántaro, perde o cántaro”.
Pero, os políticos que mandan ou queren mandar, e os poderosos, que aínda queren mandar máis,
deberían ter presente a opinión de Mario Benedetti, “quen o había dicir / os verdadeiramente
débiles / nunca se renden”.
As inxustizas, a sen razón, as présas, o egoísmo e a ambición, son males que os mandatarios públicos
deberían curar con eficacia, para seren libres e, con esa liberdade, seren xenerosos e xenerosas.
Quen será responsable dos desastres ferroviarios, dos continuados retrasos de cada día, das cousas
que pasan? Quen será? Ninguén sabe nada. A poboación está ás escuras e quen ten a chave non
quere acender a luz.
E como se quixesen erradicar as evidencias e mentres tanto distráense pelexando entre eles e entre
elas. Dende esta modesta tribuna, a Tía Manuela pídelles sosego e resolución, atención aos servizos
públicos e consideración á cidadanía, aos homes e mulleres deste mundo, que é de todos e no que
todos caben (cabemos). Os que exercen a gobernanza deberían, por todos os medios, evitar o
conflito e a dispersión da atención, para centrarse no feito de que a cidadanía é unha pluralidade de
persoas iguais en dereitos e sempre respectable.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“500 noites” – Xulio Xiz

“500 noites” – Xulio Xiz

O dato das 500 noites lembroumo o pasado San Froilán o magnífico Carlos García-Boente Carro, á fronte de La penúltima sabinera, que foi debullando os éxitos de Joaquín Sabina diante do entusiasmo dos presentes, deixando para o remate os dous temas para min máis...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.