Semana de caos no transporte ferroviario e de autobuses

07 Febreiro 2026

Renfe mantén suspendidos os trens con orixe ou destino Vigo e o transporte galego encara novas folgas.

Ao mesmo tempo, A Coruña prepárase para unha nova folga indefinida no transporte de viaxeiros por estrada a partir do mércores.

Renfe mantén bloqueada a venda de billetes con orixe ou destino Vigo durante toda a fin de semana e a xornada do luns, prolongando unha suspensión do servizo que se arrastra desde o xoves polo temporal de choiva e vento e o risco de inundacións e desprendementos de terra na rede ferroviaria galega. A compañía admite que persiste unha “alta posibilidade de riscos repentinos que poden comprometer o estado da infraestrutura” e evita por agora fixar unha data para a recuperación da normalidade.

Os servizos de media distancia entre Vigo e Santiago e entre Vigo e Ourense continúan suprimidos por motivos de seguridade, mentres que si se mantén operativo o eixo de alta velocidade A Coruña–Santiago–Ourense. Renfe non activou un plan alternativo por estrada e indicou que os viaxeiros deben contratar pola súa conta medios de transporte alleos á operadora para desprazarse entre Pontevedra/Vigo e Ourense, aínda que se habilitaron cambios e anulacións de billetes sen custo adicional.

Os billetes volven aparecer á venda a partir do martes 10, pero esa reapertura pode verse condicionada pola folga de 72 horas convocada no ferrocarril para os días 9, 10 e 11 de febreiro, que afectará tamén aos servizos con paso por Galicia. Os sindicatos reivindican mellorías en materia de seguranza ferroviaria e de condicións de traballo, e o Ministerio dos Transportes xa estabeleceu servizos mínimos que permitirán a circulación dunha parte dos trens, especialmente en longa distancia e Avant.

Ao mesmo tempo, A Coruña prepárase para unha nova folga indefinida no transporte de viaxeiros por estrada a partir do mércores, despois de que o persoal rexeitase en referendo o preacordo alcanzado pola patronal con UXT e CC OO. Nas asembleas celebradas nas estacións da Coruña, Santiago e Ferrol, promovidas pola CIG, preto do 70% dos participantes votaron en contra do texto, e o respaldo ao paro foi unánime nas dúas primeiras cidades, deixando a negociación aínda aberta na comarca. lá.

O preacordo contemplaba subidas salariais do 3,4 % para 2025 e 2026, unha xornada máxima anual de 1.800 horas e diversos complementos de absentismo e festivos, pero foi rexeitado de forma masiva, con especial oposición entre as acompañantes do transporte escolar, que consideran insuficientes as melloras específicas para o seu colectivo. Patronal e sindicatos volverán verse o luns no Consello Galego de Relacións Laborais nun intento de reconducir a negociación e evitar un paro que ameaza con agravar aínda máis as dificultades de mobilidade de miles de usuarios, xa afectados pola interrupción dos trens na área de Vigo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.