A Consellería de Sanidade colaborará co Concello de Padrón para acometer a mellora do Centro de Saúde da localidade, unha actuación que suporá un investimento de preto de 258.413 euros.
Para levar a cabo a reforma, o Concello de Padrón e a Xunta, por medio do Servizo Galego de Saúde, repartiranse ao 50 % o financiamento das obras que se van realizar, polo que cada administración fará unha achega de 129.206 euros.
Segundo se detalla no informe técnico achegado polo Servizo Galego de Saúde, as obras suporán a retirada das terras no perímetro do patio ata situalas por baixo da cota da carpintería, así como a limpeza e selado perimetral das mesmas, co fin de evitar a entrada de auga.

Ademais, Sanidade informou que está programada unha rehabilitación integral das cubertas coa realización dunha nova impermeabilización, a mellora do illamento térmico, a execución da cuberta invertida mediante a reposición do pavimento existente, así como actuacións nas cubertas non transitables e nos beirados.
Xunto ao anterior, procederase á substitución completa do pavimento interior coa instalación dun novo pavimente vinílico de alta resistencia, antideslizante e apto para uso sanitario.
Ademais, levarase a cabo o pintado da escada metálica. O novo revestimento executarase mediante a aplicación dunha imprimación axeitada e un acabado final con esmalte de poliuretano.
Esta axuda da Xunta enmárcase dentro do obxectivo do Goberno galego de “modernización e mellora das infraestruturas sanitarias e o equipamento, facendo os centros sanitarios máis eficientes, promovendo a economía circular e o respecto ao medio ambiente”.
Corresponderá ao Servizo Galego de Saúde a coordinación das actuacións necesarias para garantir o mantemento e a continuidade asistencial durante o prazo de execución das obras. Pola súa parte, o Concello será o responsábel de redactar o proxecto de construción, ademais da licitación, adxudicación e execución das obras.



