Ribeira reforza servizos esenciais en todas as parroquias co POS 2026

04 Febreiro 2026

Ribeira destina 900.000 euros do POS 2026 a investimentos en servizos básicos nas nove parroquias do municipio

O pleno do Concello de Ribeira aprobou esta mañá por unanimidade a proposta de participación no Plan Único de Concellos (POS+ 2026) da Deputación da Coruña, que permitirá ao municipio recibir un total de 1.305.833,84 euros. A iniciativa, presentada polo Goberno local, contempla investimentos en todas as parroquias do concello, cun marcado carácter participativo e orientado á mellora dos servizos básicos da veciñanza.

A alcaldesa, María Sampedro, destacou que a selección das actuacións se realizou tendo en conta «a participación cidadá a través da enquisa formulada, a escoita activa dos concelleiros nas parroquias, así como criterios de necesidade, equilibrio territorial e interese público». As obras previstas supoñen, ademais, un incremento do investimento respecto á proposta do pasado ano.

Segundo explicou a rexedora, máis de 900.000 euros destinaranse a investimentos, contando tamén co POS complementario. «As nosas parroquias son importantes e imos chegar a todas elas», subliñou. A proposta complétase coa asignación de 805.000 euros para gasto corrente, co obxectivo de facer fronte a obrigas económicas como o incremento dos contratos de servizos, a actualización salarial do persoal municipal, os servizos prestados desde o ámbito local e o cumprimento do Plan Económico Financeiro herdado do anterior mandato.

Sampedro recoñeceu que existen numerosas necesidades pendentes, pero apelou á responsabilidade á hora de priorizar actuacións: «Temos que ser coherentes coas demandas máis reiteradas e coas que permiten solucionar máis problemas, como acontece na parroquia de Artes». Neste sentido, lembrou que as melloras en saneamento, abastecemento e pavimentación «levan chegando a Ribeira dende moito antes» e forman parte dunha planificación continuada.

Investimentos por parroquias

As actuacións aprobadas, que contaron co respaldo de toda a corporación municipal, son as seguintes:

  • Olveira: Nova pista polideportiva descuberta no CEIP de Olveira – 72.973,38 €
  • Ribeira: Pavimentación e instalación de servizos no Camiño do Carballal – 140.993,99 €
  • Artes: Instalación de rede de pluviais entre Outeiro e Viñanova – 118.775,33 €
  • Corrubedo: Renovación do parque infantil na rúa Torreiro – 98.985,27 €
  • Oleiros: Pavimentación de varios camiños (Meixe, Lixó e outros) – 68.586,99 €
  • Palmeira: Pavimentación e abastecemento en Pedriñas e Lomba – 84.744,52 €
  • Castiñeiras: Pavimentación e rede de pluviais na rúa Mosqueiros – 101.928,11 €
  • Carreira: Reforma da antiga Casa da Cultura – 121.000 €
  • Aguiño: Pavimentación e renovación de servizos na rúa Serriño – 114.163,35 €

A alcaldesa indicou que esta proposta redundará nunha mellora notable dos servizos municipais e avanzou que o Goberno local continuará executando actuacións con fondos propios e doutras administracións. «A nosa liña de actuación é seguir traballando para dar resposta, no menor tempo posible, ás demandas dos ribeirenses. Ese é o noso compromiso», concluíu.

Obradoiro de Emprego Tahume XI

Por outra banda, o pleno tamén aprobou por unanimidade a solicitude conxunta cos Concello de Porto do Son para financiar o Obradoiro de Emprego Tahume XI, do que se beneficiarán 20 persoas de ambos municipios. As especialidades elixidas nesta edición son carpintaría e moble e actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.

María Sampedro explicou que se trata dunha iniciativa consolidada «con especialidades moi demandadas polo mercado laboral» e orientada a mellorar a empregabilidade das persoas participantes. Ademais, a proposta inclúe a solicitude de incentivos á contratación por parte das empresas unha vez rematado o obradoiro.

C.R.

Outros artigos

Boiro sumou forzas contra o cancro cunha cadea humana no centro da vila

A Asociación Española conta o Cancro de Boiro conmemorou na tarde deste sábado 17 de outubro o Dia Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha gran cadea humana e a realización dun lazo na rúa peonil de Boiro. Durante estes días o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

“Derechos”. Roberto Carlos Mirás

“Derechos”. Roberto Carlos Mirás

Dentro de unos días todos los españoles tendrán la oportunidad de cambiar de Gobierno y que éste sea mucho mejor que el anterior. El Gobierno de Pedro Sánchez ha estado rodeado de múltiples investigaciones tanto a nivel personal como el de un presidente que prometió...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.