Rianxo e A Pobra celebran con actividades divulgativas o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

10 Febreiro 2026

Rianxo e A Pobra do Caramiñal celebran este mércores 11 de febreiro, con diversas actividades, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha xornada de recoñecemento do papel clave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e que moitas veces permanece invisibilizado.

En Rianxo

O Auditorio de Rianxo acollerá, a partir das 18:00 horas, dúas charlas de dúas científicas. A rianxeira Ana Belén Dávila falará ao público asistente “da investigación no laboratorio ao avance contra o cancro”, e María Silva, natural de Moraña pero residente en Rianxo, demostrará que “outras prehistorias son posíbeis”. Organiza o Concello de Rianxo.

Na Pobra

As Xornadas Muller e Ciencia da Pobra do Caramiñal chegan este ano á súa décimo primeira edición, consolidándose “coma un referente para a divulgación científico e na visibilización do traballo científico das mulleres da contorna”.

Nos centros educativos de infantil desenvolverase esta semana un contacontos interpretado con monicreques que van achegar ás máis pequenas e pequenos a vida e investigacións da primatóloga Jane Goodall e da pioneira Xoaquina García A Ghaxola, orixinaria de Porto do Son e inventora do material hidrófugo co que elaborou o primeiro traxe de augas confeccionado con liño e impermeabilizado con varias capas de aceite. Un traxe que estaba deseñado para protexer a saúde dos homes que ían traballar ao mar.

No que respecta ao alumnado de primaria, concretamente do cuarto curso, as xornadas van estar enfocadas en obradoiros prácticos cos que as nenas e nenos poidan experimentar por si mesmas, facendo ciencia en primeira persoa. Por iso, levaranse a cabo experimentos sinxelos con electricidade estática, densidade de líquidos e reaccións químicas básicas. Ademais, tamén se dará a coñecer a figura da Ghaxola.

Xa o propio Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, conmemorado o 11 de febreiro, vaise retransmitir en liña, ás 16:30 horas, a intervención de Elena Vázquez Abal, matemática da USC e divulgadora científica cuxo labor de investigación está centrado na xeometría diferencial.

Ademais, Vázquez Abal foi presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) e recibiu galardóns como o Premio de Divulgación Científica 2024 da Real Academia Galega de Ciencias ou o primeiro premio de Divulgación Científica da USC.

Todas aquelas persoas que queiran participar de forma activa poderán facelo a través dunha ligazón que será publicada con anterioridade nas redes sociais do Concello. Ademais, a intervención quedará aloxada na canle de YouTube municipal para quen queira vela con posterioridade.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.