Remata en Teo a 8ª edición do programa de inmersión lingüística que ten a súa orixe na Pobra: “21 días co Galego e +”

06 Febreiro 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron este 6 de febreiro no peche da nova entrega do programa de inmersión lingüística 21 días co Galego e +. Fixérono no colexio teense dos Tilos, onde se puxo fin á oitava edición desta iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral na que participaron 10 centros educativos de maneira voluntaria.

O obxectivo do proxecto, cuxo blog funciona como principal foco de información e de actividade, é mergullar aos escolares no uso do galego baixo o reto-desafío de facelo durante 21 días.

García quixo felicitar “o alumnado, o profesorado e a todo o persoal que se involucrou unha vez máis cunha iniciativa que pon en valor e fai medrar a nosa lingua entre os máis novos desde a perspectiva dos centros escolares como lugares de socialización”, lembrando que, tras esta clausura, “agárdanos o fin de festa co que será o IV Encontro 21 Días co galego e +, previsto para finais de febreiro no Carballiño”.

Durante o acto, Valentín García fixo fincapé “no gran traballo realizado grazas a esta proposta á que se adhiren os centros que así o desexan, voluntariamente, e que este ano reuniu a máis de 3.700 persoas”, en colaboración coa Consellería de Educación.

Engadiu que as accións levadas a cabo están recollidas nas redes sociais do programa e no devandito blog 21diascogalegoemais.gal, o seu soporte central, onde se mostran as creacións de cada colexio.

A iniciativa enmárcase na liña de accións coas que o Goberno autonómico pon o foco na cativada e na xuventude, para impulsar nestas idades o uso, a presenza e o prestixio da lingua, eido no que se encadran tamén as accións Falamos + ou Nós tamén creamos!

Neste curso 2025/26 no programa participaron o colexio Isidro Parga Pardal, de Oleiros; o centro dos Tilos, en Teo, e aínda na provincia coruñesa, o Anxo da Garda, na cidade herculina. Tamén o colexio A Ponte e o Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo. A estes engádenselle en Pontevedra o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, en Vigo. En Ourense participan o colexio A Ponte e o Irmáns Villar.

O secretario xeral lembrou que 21 días co Galego e + naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...