No desfile participaron 13 comparsas, 5 grupos locais, 8 grupos con menos de vinte membros e outros 20 nas categorías de parella e individuais menores e adultos. O Concello repartiu máis de 6.400 euros en premios

A veciñanza de Padrón e dos municipios da contorna aproveitaron o soleado sábado de Piñata para saír á rúa e gozar dun desfile que percorreu a avenida de Compostela, As Lágrimas e Fondo de Vila, cun final no Campo do Souto. Ao longo de varias horas, milleiros de persoas aplaudiron o paso das diferentes agrupacións entroideiras polo casco histórico.
Máis de mil persoas disfrazadas
Segundo os datos do Concello, máis de 1.000 persoas disfrazáronse para participar nun concurso no que se inscribiron 13 comparsas, 5 grupos locais e 8 grupos con menos de vinte membros. Ademais, nas categorías individuais (menores e adultos) e de parella sumáronse 25 participacións, o que converteu o desfile nun dos máis concorridos dos últimos anos.
O desfile comezou ás cinco da tarde e prolongouse durante boa parte da tarde, mentres o xurado avaliaba a creatividade, o vestiario e a posta en escena das diferentes propostas. As carrozas e grupos avanzaron pola avenida de Compostela, As Lágrimas e Fondo de Vila ata chegar ao Campo do Souto, onde se pechou o percorrido e se preparou a entrega de premios.
O Concello repartiu máis de 6.400 euros en premios entre todas as categorías, co obxectivo de recoñecer o esforzo da veciñanza e animar a participación no Entroido padronés. A festa rematou en Fondo de Vila coa actuación de Trópico de Grelos, grupo que tamén abrira a comitiva, e coa posterior entrega dos galardóns ás comparsas, grupos e participantes individuais gañadores.

Nome dos gañadores do concurso de disfraces do Desfile de entroido organizado polo Concello de Padrón.
Os gañadores foron:
Gañadores por categorias
Infantil: Rubik, Alma Animal, Pequeno mineiro
Adultos: Muller escorpion, Vamos de pesca, Pedroche 2.0
Parella: As Criaturas da fraga, Costureiriños do entroido, Fantasía del mar
Comparasas locais: CEIP Rosalia de Castro nos Xogos Olimpicos, Los piratas con mas plumas del Caribe, Carcacia onde os soños se fan realidade
Comparsas menos 20 membros: Remendos do faiado, Os ratos de laboratorio, Plántate… que te comemos
Comparsas mais 20 membros: Estrelas da Noite, a última chamada; Mar tropical; Comparasa Ciklón: Fantasia a la hora del cafe



