Padrón celebra este sábado 7 a XXIII edición da Padrón 10K cun récord histórico de participación

06 Febreiro 2026

Padrón acollerá este sábado 7 de febreiro a celebración da XXIII Padrón 10K, unha edición que “pasará á historia ao acadar un récord absoluto de participación, con 1.653 persoas inscritas entre todas as categorías”, informou o Concello, engadindo que “o éxito de convocatoria reflicte o crecente prestixio dunha proba con circuítos homologados pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA)”.

Un total de 882 corredores/as tomarán a saída na distancia reina de 10 quilómetros, mentres que a proba de 5K contará con 401 atletas. De xeito moi especial, o Concello destaca a gran resposta das categorías de base, con 370 nenos e nenas inscritos, o que asegura o futuro deste deporte na comarca.

A actividade deportiva centrarase no Campo do Souto, lugar de saída e meta, cos seguintes horarios:

16.00 h: probas escolares (categorías dende pitufos ata sub14).

16.50 h: saída da proba 5K.

17.40 h: saída da proba absoluta 10K.

A entrega de trofeos e premios en metálico (que inclúen 250€ para os gañadores absolutos e premios especiais para atletas locais) terá lugar no Auditorio Municipal ás 19.15 horas.

Para garantir a seguridade de atletas e público, a Policía Local e o servizo de Protección Civil de Padrón coordinarán un dispositivo que implicará cortes ao tráfico rodado entre as 15.30 e as 18.30 horas.

As rúas afectadas polo percorrido serán: Campo do Souto, Travesía Feira, accesos, paseo e carril bici da desembocadura do río Sar, rúa Agro do Medio, Praza da Leña e rúa Castelao. Así mesmo, quedará restrinxido o estacionamento nas zonas delimitadas do Campo do Souto e da Praza da Leña.

O Concello de Padrón agradece de antemán “a colaboración e comprensión da cidadanía polas molestias ocasionadas e anima á veciñanza a gozar desta nova edición da Padrón 10K, que volverá converter as rúas da vila nunha auténtica festa do deporte”, informou o Consistorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...