O fotógrafo rianxeiro —por parte de nai— Roberto Ouro alzouse co premio na categoría de Reportaxe Gráfica outorgado pola Federación Española de Profesionais da Fotografía e a Imaxe (FEPFI) , nunha gala celebrada este domingo 22 de febreiro de 2026. O galardón recoñece unha impactante obra que retrata unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido de Xinzo de Limia: a coñecida batalla de fariña.

A instantánea capta con intensidade un dos momentos máis vibrantes deste ritual festivo, que cada ano reúne a centos de persoas nas rúas de Xinzo. O xurado destacou a forza expresiva da imaxe, a proximidade co protagonista e unha composición dinámica que logra transmitir a enerxía, o movemento e a atmosfera única do evento.
Este novo recoñecemento súmase ao Premio LUX de Ouro obtido en 2025, consolidando así a traxectoria ascendente do fotógrafo galego dentro do panorama profesional. O premio da FEPFI reforza ademais a súa marca persoal no marco dun dos certames máis prestixiosos do sector da fotografía e a imaxe en España.
Roberto Ouro quixo subliñar que a virtude da imaxe premiada nace da espectacularidade dos entroidos da nosa terra, unha celebración de gran interese cultural e turístico. Sinala que documentar estes momentos resulta unha experiencia única, non só pola súa riqueza visual, senón tamén pola emoción colectiva que se vive neles.
“O que se vive en acontecementos como os de Xinzo non deixa indiferente a ninguén” , apunta o fotógrafo, quen destaca que tradición, identidade e unha enerxía contaxiosa combínanse nunha explosión festiva que só pode captarse desde dentro, compartindo a festa cos seus protagonistas e sentindo de primeira man a intensidade do momento.




