O Goberno local de Rianxo vai someter a debate no seguinte pleno da Corporación a cesión á Deputación da Coruña dos terreos que se precisan para materializar a Casa de Acompañamento aos Maiores que a institución provincial proxectou no termo municipal.
O predio que o Executivo quere poñer a disposición da Deputación está emprazado a carón do IES Félix Muriel e vén cuns 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 son edificábeis. Segundo fixo saber o rexedor, Julián Bustelo, “estamos ante un paso fundamental para poder acoller unha destas Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) que promove a Deputación provincial”.
A residencia de Rianxo é un dos tres centros que integran o novo modelo público de atención ás persoas maiores impulsado pola Deputación, que aposta por “infraestruturas pequenas, humanas e integradas na comunidade”, sinalaron os responsábeis da institución.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que as CAM “rompen cos modelos tradicionais de residencias e poñen no centro ás persoas. Non queremos construír almacéns, senón fogares. Apostamos por un modelo máis humano, máis próximo e máis digno, que permita ás persoas maiores vivir nun entorno familiar, conservando os seus vínculos afectivos e a súa autonomía”, afirmou, engadindo que este proxecto “nace como experiencia piloto que pode servir de referencia para outras administracións con competencia nesta materia”.
Como dixemos, o proxecto da CAM de Rianxo desenvolverase nunha parcela de 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 serán edificábeis. O edificio organizarase en catro unidades convivenciais que, en conxunto, ofrecerán 59 prazas. As unidades contarán con cociña salón e espazos comúns que reproducen o ambiente dun fogar, evitando a estrutura institucional e hospitalaria dos centros tradicionais, ademais a accesibilidade e a integración co entorno serán elementos fundamentais do deseño, que incluirá xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade.
Entre os servizos previstos figuran atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, ademais de programas de estimulación cognitiva e actividade física. O centro incorporará tecnoloxía avanzada, con sensores de confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, telemedicina e dispositivos intelixentes que mellorarán a seguridade e a personalización dos coidados.
A iniciativa forma parte do plan provincial da Deputación da Coruña para crear tres Casas de Acompañamento nas Pontes, Ordes e Rianxo, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos. Estes centros, máis pequenos e de proximidade, buscan evitar o desarraigo das persoas maiores e favorecer a súa integración na vida comunitaria.




