O Concello de Boiro conmemora o Día Mundial da Muller Traballadora coas asociacións do municipio

24 Febreiro 2026

O Concello de Boiro vai conmemorar o Día Mundial da Muller Traballadora (8 de marzo) cunha lectura dun manifesto coa participación de entidades do municipio, charlas e obradoiros que se desenvolverán durante todo o mes. O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, participou na presentación do programa de actividades, este martes 24 de febreiro.

O acto central do 8M será o venres 6 de marzo ás 11.00 horas coa lectura do manifesto institucional coa participación das asociacións Ámbar, Amicos, Cruz Vermella, A Creba, Asociación Barbantea e Asociación Aloumiña.

“Como cada ano promovemos un 8M con múltiples voces para dar presenza ao ámbito social, cultural, deportivo e tamén veciñal”, afirmou Raúl Treus.

Seguidamente presentarase a mostra visual e fotográfica Pegadas que inspiran: mulleres transformadoras onte, referentes hoxe realizada pola Cruz Vermella de Boiro e a Asociación Turbina. O acto rematará cunha performance visual e danza contemporánea realizada por Ámbar e CenPliés.

O sábado 7 de marzo ás 16.00h terá lugar no Centro Social de Boiro a conversa coa psicóloga investigadora en Grupo de Medicamento Xenómica (GMX-USC) Muller e autismo: por que acontece o desequilibrio de xénero no diagnóstico?.

No mesmo lugar ás 17.00 horas celebrarase un obradoiro práctico e íntimo organizado por Barbantea: Mulleres e diagnóstico tardío con Ingrid Mosquera Grande. E xa ás 20.00 horas no Centro Social de Abanqueiro teatro musical coa actuación Non estamos tolas.

A programación prolóngase durante todo o mes de marzo coas actividades do programa Muller e Saúde, un programa de actividades que se fan ao longo do ano con propósitos de temáticas moi distintas para “chegar a distintos sectores da poboación”, afirmou o concelleiro, engadindo que as sesións comezan o 4 de marzo con Ciberviolencia e control dixital, que impartirá a Cruz Vermella de Boiro ás 16.00 horas no Centro Social de Boiro.

O venres 13 de marzo ás 16.00 horas celebrarase no Centro Social de Abanqueiro o relatorio Complementos na alimentación, impartido por Fernando Casal Couto, butricionista da Escola Galega de Saúde (SERGAS).

O mércores 18 ás 16.30 horas terá lugar no Centro Social de Boiro un taller sobre Sobrecarga dos coidados, orientado a persoas coidadoras, que estará impartido pola Asociación Alar Galicia.

O venres 27 de marzo a Asociación Andaina Pro Saúde Mental impartirá un obradoiro sobre Xestión emocional no duelo que será no Centro Social de Boiro ás 16.30 horas e o mesmo día pero no Centro Social de Abanqueiro ás 16.00 horas celebrarase un obradoiro de emocións e técnicas de relaxación impartido por Merceces Urbiola Ituarte da Escola Galega de Saúde (SERGAS).

Todas as sesións prácticas e as charlas son gratuítas pero precisan inscrición previa no enderezo electrónico cim@boiro.org e no teléfono 669 582 674. Máis información na web municipal.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.