O cancioneiro popular de Rois recolle máis de 3.000 cantigas populares

27 Febreiro 2026

Máis de 3.000 cantigas que se cantaban nas aldeas do concello de Rois durante o século pasado, con variantes por cada lugar, son as que aparecen recollidas no Cancioneiro popular do Concello de Rois, que o seu autor, Clodio González Pérez, lle dedica “ás mulleres e homes que fixeron posible esta obra, especialmente ás avoas do alumnado dos dous colexios de Rois”.

Na presentación da obra, que recolle coplas con máis de cen anos, participaron as agrupacións locais OCT Chorima, as Pandeireteiras de Ermedelo, as Repeniqueiras de Urdilde e as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, que interpretaron algunhas das coplas recollidas no libro.

Na mesa pola esquerda: Xabier Campos Villar, Milagres das Neves Romero Susavila, Clodio González Pérez, Valentín García Gómez, Ramón Tojo Lens. Actuando o OCT Chorima

“Trátase dunha obra que representa moito máis que unha publicación. É memoria viva identidade compartida e patrimonio colectivo que debemos preservar e transmitir”, asegurou o alcalde, Ramón Tojo durante a presentación, celebrada este xoves 26 nun auditorio municipal cheo de xente.

Autoridades e concelleiros co homenaxeado tras presentar o libro

O secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia tamén resaltou o traballo do autor e académico correspondente da Real Academia Galega. “Tedes un tesouro. Moi poucos concellos teñen un cancioneiro deste volume”, lles dixo a todas as persoas asistentes. “O libro recolle as variantes das coplas en cada aldea. Trátase dun traballo titánico e hai que ser un ourive para facer isto”, afirmou Valentín García, que asegurou que “algunha das cantigas que están no libro ten máis de cen anos e hoxe en día cántallas Treixadura nas romarías á sente nova”.

Na mesa pola esquerda: Xabier Campos Villar, Milagres das Neves Romero Susavila, Clodio González Pérez, Valentín García Gómez, Ramón Tojo Lens

Na presentación tamén estiveron presentes Milagres das Neves Romero Susavila e Xabier Campos Vilar que, xunto con Noa Campos Codesido, formaron parte do equipo editor do Cancioneiro popular do Concello de Rois, editado por editorial Toxosoutos. Como equipo revisor e corrector do libro tamén participaron no libro Inmaculada Seage e Anayansi Singh, normalizadora lingüística e animadora cultural do Concello de Rois.

Clodio González (Cenlle, Ourense, 1947), chegou de mestre ao colexio público de Urdilde en 1979, cando aínda moitos pais e nais do alumnado participaban nas foliadas que se organizaban os domingos nas aldeas. O autor do libro lembra como “a señora Lourdes de Leroño, que aínda vive, aseguroume que as foliadas organizábanas as mulleres para poder atraer os homes”. Era nesas xuntas onde agromaban os primeiros amores, moitos dos cales remataban en matrimonio.

Nesa época, Clodio González comezou a recompilar esas coplas. “Facilitáronmas as familias do alumnado, sobre todo as propias avoas. Había señoras que tiñan o repertorio copiado en libretas para cantar nas romarías”, indicou. Este traballo de buscar, xuntar estas estrofas, coplas e cancións continuou durante máis de trinta anos. “O cancioneiro non é exclusivo de Rois, pois hai coplas que se cantan noutros puntos de Galicia e incluso que chegaron dende Portugal”, dixo o autor, que recolle no libro tamén as variantes que se facían nas diferentes aldeas ou lugares dunha mesma estrofa.

Tras lembrar outras obras escritas por Clodio González, que tamén foi pregoeiro das Festas do Santo Isidro en 2018, o alcalde, Ramón Tojo, asegurou que coa publicación do cancioneiro “hoxe vólvemos ofrecer unha peza imprescindible para entender a nosa alma colectiva a través da música e da palabra transmitida de xeración en xeración”.

Este cancioneiro “é o eco das voces das nosas avoas e dos nosos avós, das festas, das foliadas, dos labores do campo e das celebracións que marcaron a vida comunitaria en Rois”, asegurou Ramón Tojo. Lembrou o alcalde que esta e outras iniciativas do Concello de Rois parten dun mesmo compromiso, “preservar, dignificar e transmitir a nosa tradición musical e oral ás xeracións vindeiras”.

“A cultura tradicional non é algo estático nin pertencente ao pasado. É unha herdanza que debemos coidar, valorar e transmitir”, afirmou Ramón Tojo, antes de darlle as grazas por este traballo a Clodio González Pérez e a todo o equipo que participou na edición deste cancioneiro.

Tamén Valentín García considerou o acto e a publicación do propio libro como unha “festa da cultura e da lingua galega”, ao tempo que recoñeceu o “esforzo do equipo do departamento de Cultura do Concello de Rois”.

No acto tamén participaron as agrupacións musicais e vocais de Rois, que interpretaron algunhas das coplas que aparecen no libro. Abriu e pechou o acto o OCT Choriza, e actuaron as Pandeireteiras de Ermedelo, as Repeniqueiras de Urdilde e as Cantareiras das Amas de Casa de Rois. Ao rematar, todas as persoas presentes compartiron uns petiscos para seguir “conversando, celebrando e facendo comunidade”, como dixera o alcalde.

Outros artigos

Mats Wenzel imponse na 63ª Clásica de Pascua

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño, participou activamente este domingo 12 de abril na 63ª Clásica de Pascua, sendo o encargado de dar a saída oficial da proba coa tradicional corta de cinta e formando parte...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.