O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei para o seu debate en pleno coa que reclama actuacións urxentes ante a situación de abandono e o alto risco ambiental das presas de residuos mineiros da mina de San Finx, no concello de Lousame. A iniciativa foi presentada pola deputada Rosana Pérez Fernández xunto cos deputados Xosé Manuel Golpe Acuña e Luís Bará Torres, e alerta de que “as dúas presas de residuos da antiga explotación mineira permanecen colmatadas, sen mantemento nin proxecto de clausura, malia os reiterados informes técnicos que advirten do perigo dunha falla catastrófica con graves consecuencias ambientais”, sinálase na proposta non de lei.

Este luns 9 de febreiro, a deputada no Parlamento galego Rosana Pérez, o portavoz do BNG en Lousame, Anxo Moledo, e a deputada provincial e responsábel comarcal do BNG Muros-Noia Sol Agra, desprazáronse ata a contorna da mina de San Finx para denunciar in situ a situación de abandono que sofre a zona. Alí, Rosana Pérez explicou que “esta iniciativa parlamentaria pretende instar á Xunta a actuar fronte ao desleixo continuado na xestión das minas abandonadas”.
A deputada lembrou episodios recentes como o colapso do Monte Neme, provocado polas intensas chuvias e “pola inacción do Goberno do Partido
Popular”, dixo, engadindo que “estamos ante un feito que tivo que ser alertado pola propia veciñanza”. E engadiu: “Estamos ante un grave perigo medioambiental que pode repetirse se non se actúa con urxencia”, advertiu.
O BNG lembra que a mina de San Finx é un exemplo paradigmático “da mala xestión histórica da actividade mineira en Galiza”, cunha acumulación de pasivos ambientais que inclúe entulleiras, galerías abandonadas e verteduras continuadas de augas con altas concentracións de metais pesados como cadmio, cinc, cobre ou arsénico.
A través desta iniciativa, o Bloque Nacionalista Galego esixe “a restauración medioambiental integral da mina de San Finx, incluíndo expresamente as presas de residuos mineiros, co obxectivo de previr catástrofes como a acontecida no Monte Neme”. Así mesmo, reclama “revisar e actualizar o plan de restauración con criterios técnicos rigorosos, esixir garantías financeiras que cubran o 100 % do custo das actuacións e establecer un seguimento ambiental independente e periódico da calidade das augas e da seguridade das presas, ademais de reforzar os mecanismos de control e inspección da actividade mineira en Galiza”.
Pola súa banda, Anxo Moledo acusou ao Goberno do PP de non actuar de urxencia nas minas de San Finx, “o que supón un grave perigo para toda a comarca”, sinalou. O portavoz nacionalista dixo que as verteduras que se producen desde a mina cara á ría son “unha ameaza constante para a saúde pública e o medio mariño”. Ademais, puxo en valor “o amplo rexeitamento social ao proxecto de explotación de volframio presentado polo Partido Popular”.
A deputada provincial Sol Agra subliñou que esta problemática afecta a toda a poboación da comarca de Muros e Noia, que depende da ría tanto para o abastecemento de auga como para a súa principal actividade económica. “Estamos a falar dunha ameaza directa para os e as traballadoras do mar e para un tecido produtivo esencial”, sinalou. A responsábel nacionalista dixo que “non actuar agora suporía asumir conscientemente un risco ambiental e social gravísimo”.




