O BNG insta ao Concello de Boiro ao arranxo urxente do Centro Social de Escarabote

25 Febreiro 2026

O Bloque Nacionalista Galego defendeu no pleno do pasado xoves 19 do Concello de Boiro unha moción para reclamar o arranxo integral do Centro Social de Escarabote. Durante a súa intervención, a portavoz municipal do BNG, Raquel Suárez, puxo o foco na “falta de mantemento que arrastra a infraestrutura dende hai anos” e sinalou que “estamos a falar dunha estrutura que leva anos sen mantemento, con paredes exteriores que están sen limpar, con verdellos, herbas no tellado e zonas sen pintar, dando como resultado unha situación que está á vista de todos”, apuntou.

Segundo expuxo, no interior do edificio os problemas son aínda máis evidentes: “Os usuarios quéixanse das goteiras e das filtracións, especialmente no salón de actos e na cociña da cafetaría. As persoas que acudimos a estas instalacións vemos dende hai tempo como os caldeiros repartidos polo inmóbel son cada vez máis frecuentes”, denunciou, engadindo que ao devandito “súmase o mal estado da porta principal, outro exemplo máis do progresivo deterioro do centro”.

Ante esta situación, o acordo da moción presentada polo BNG insta a que “se efectúen tarefas inmediatas de limpeza e mantemento do edificio, así como a reparación do tellado e o arranxo estrutural necesario para garantir a súa correcta conservación e uso en condicións de seguridade”.

Por outra banda, Suárez tamén fixo referencia á situación da cafetaría do Centro Social, que leva meses pechada: “Agardamos que se saque a licitación do servizo para que se poida dinamizar o lugar e ofrecer alternativas como o baile das persoas maiores, que xa se ten feito neste espazo, así como outras moitas actividades e celebracións”, afirmou.

A portavoz nacionalista lembrou ademais que “o BNG leva meses preguntando aos dirixentes municipais do PSOE polo atraso da licitación do servizo de cafetaría neste centro” e denunciou que “aínda non recibiron resposta, unha mostra máis da falta de transparencia do Goberno”.

Por iso, instou ao Goberno municipal a “actuar con responsabilidade”, sacar de inmediato a licitación da cafetaría e acometer as actuacións necesarias para “garantir que o Centro Social de Escarabote estea en condicións dignas para o conxunto da veciñanza”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.