O BNG de Ribeira celebra o acordo que consolida a compra de Cerqueira e destaca a súa responsabilidade neste fito

24 Febreiro 2026

O pleno de Ribeira aprobou por unanimidade a ratificación plenaria do expediente iniciado en decembro de 2023 para a adquisición da nave da histórica conserveira Cerqueira, en Bandourrío, unha operación na que o BNG recoñeceu a súa responsabilidade neste fito (a agrupación salientou que viña sendo un trámite previsto dende hai tempo, “tal e como recollen os informes de Secretaría e como explicara publicamente o 10 de outubro de 2025 o daquela alcalde, Luís Pérez Barral”). Para o grupo, “a votación confirmou un proceso administrativo iniciado e desenvolvido polo goberno encabezado por Pérez Barral como resultado un novo espazo patrimonial para toda a veciñanza”.

A formación nacionalista lembrou que “o debate arredor da nave non comezou agora, senón en 2021, cando o BNG propuxo a súa declaración como Ben de Interese Cultural para garantir a protección do inmóbel, iniciativa que fora rexeitada naquel momento polos votos do PP e de PBBI”. E engadiu que “lonxe de abandonar o proxecto, o Bloque continuou impulsando xestións ata deixar o expediente completo e só pendente dunha concesión de Costas que segue en tramitación e que aínda non está resolta”.

Impulsando o núcleo histórico de Ribeira

O responsábel local do BNG, Luís Pérez Barral, sinalou que tralo cesamento da actividade industrial e o traslado de Cerqueira a Rianxo por carecer Ribeira de solo industrial, “volvemos demandar en xaneiro de 2023 a preservación da nave propoñendo ademais un proxecto integral para revitalizar o barrio de Banda ao Río, elaborado en coordinación co tecido asociativo e centrado na rehabilitación urbana, a dinamización cultural e a defensa dos servizos públicos”.

O ex rexedor subliñou que “a ratificación unánime do pleno deste 23 de febreiro evidencia que o camiño iniciado era sólido e axeitado”, e recoñeceu que lle parece “sorprendente escoitar críticas agora por parte de quen votara en contra da protección da nave ou de quen atopou o expediente practicamente rematado e só á espera dunha única autorización administrativa como é a concesión de Costas”.

A formación criticou que “se intente trasladar á cidadanía unha versión terxiversada só para evitar recoñecer o traballo feito ao longo deste tempo”.

Sinalaron que todo o proceso “evidencia que houbo un goberno honesto que traballou por facer unha vila en grande” e contrapuxeron ese balance coa situación herdada polo Partido Popular, “cunha débeda municipal de 13 millóns de euros e a ameaza dun posíbel derrubo e indemnización de 1,5 millóns polo peche da gasolineira de Xarás”.

Destacou que “o legado deixado polo equipo de Pérez Barral é patrimonio público e financiamento histórico”, en referencia á recuperación de Cerqueira e en referencia tamén “á consecución da maior cantidade dos fondos europeos na historia de Ribeira, concretamente 6,5 millóns, grazas ao proxecto aprobado cos votos a favor do BNG, do PBBI e do PSOE, sen o apoio do PP”, comentou o ex alcalde.

Luís Pérez Barral, asinando en outubro os documentos de formalización de venda cos propietarios de Cerqueira

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.