O Bloque Nacionalista Galego apoia en Ribeira a mobilización da Central Intersindical Galega por un convenio digno na conserva

28 Febreiro 2026

Compañeiras e compañeiros do Bloque Nacionalista Galego (BNG) amosaron o seu apoio á manifestación convocada pola Central Intersindical Galega (CIG) celebrada en Ribeira para reclamar un convenio colectivo digno para as traballadoras e traballadores do sector da conserva, unha actividade estratéxica para o emprego e a economía da bisbarra da Barbanza.

A deputada Rosana Pérez Fernández cualificou de “ilóxico” que a negociación do convenio se leve a cabo en Madrid cando máis do 75% da produción conserveira do Estado se realiza en Galiza, e defendeu que as condicións laborais deben mellorar de maneira significativa. A parlamentaria puxo especial énfase na situación dun sector altamente feminizado, no que —segundo sinalou— seguen existindo desigualdades que provocan que moitas mulleres padezan condicións máis precarias ca os seus compañeiros varóns.

Pola súa banda, o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, subliñou que o persoal da conserva está a reivindicar dereitos xustos. Destacou ademais que “ao igual que o resto da Barbanza, Ribeira vive directamente do sector do mar e da industria”, polo que garantir mellores condicións laborais repercutiría positivamente no conxunto da economía local ao incrementar o poder adquisitivo da poboación e dinamizar ámbitos como o comercio e a hostalaría.

Segundo datos de Anfaco-Cecopesca, a industria conserveira e as empresas de salgadura, conxelados, refrixerados e elaborados de produtos do mar facturan arredor de 12.100 millóns de euros e sustentan 26.300 empregos, dos cales 11.000 corresponden a Galiza. Para o BNG, estas cifras evidencian a importancia estratéxica do sector e reforzan a necesidade de garantir condicións laborais dignas para quen o sostén día a día.

O Bloque reiterou o seu compromiso coas reivindicacións do persoal traballador e insistiu en que Galiza debe ter voz propia nas negociacións que afectan a un sector clave do seu tecido produtivo.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.