Noia presenta un 8M interxeracional cunha especial homenaxe ás mulleres do mar

27 Febreiro 2026

O Concello de Noia presentou o programa de actividades con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, cunha proposta ampla e diversa pensada para implicar a toda a veciñanza, dende a infancia ata as persoas maiores, combinando sensibilización, cultura e recoñecemento histórico.

A concelleira de Igualdade, Chelo Martínez, salientou que “este 8M está deseñado para que toda a veciñanza poida participar, dende a infancia ata as persoas maiores, porque a igualdade constrúese colectivamente e require da implicación de toda a sociedade”.

Homenaxe ás mulleres do mar

Un dos eixos centrais da programación será o recoñecemento ás mulleres do mar, cun dobre acto de especial simbolismo: o nomeamento do Museo do Mar de Noia como “Museo do Mar Carmen Barcia” e da prazoleta do Paseo Marítimo como “Praza das Mariscadoras”.

Segundo explicou Martínez, “trátase dun acto de xustiza e de memoria. As mariscadoras e as mulleres do mar forman parte esencial da historia económica e social de Noia, e era necesario visibilizar e dignificar o seu legado”.

Estes actos estarán acompañados polo roteiro “A memoria das mulleres”, unha actividade que permitirá contextualizar historicamente os novos espazos públicos e afondar no papel feminino na historia local.

Actividades para todas as idades

O programa inclúe actividades educativas dirixidas ao alumnado de Primaria, accións de sensibilización orientadas á mocidade e a instalación dun stand informativo sobre violencia sexual, reforzando así a vertente formativa e preventiva da campaña.

A programación cultural ocupará tamén un lugar destacado, con representación teatral, a proxección do filme Suffragette (Sufraxistas) e a celebración dunha Xornada pola Igualdade que combinará obradoiros e música en directo nun ambiente aberto e interxeracional.

Esta xornada contará con actividades para nenos e maiores, así como coa participación das DJ “DJ RAPARIGA” e “DJ YAYA”. En palabras da concelleira de Igualdade, “dá bo reflexo do que busca ser esta edición do 8M en Noia, unha programación enfocada a todas as idades, onde ninguén queda excluída”.

“Queremos que este 8M sexa un espazo de encontro, reflexión e tamén celebración do camiño avanzado, sen esquecer todo o que queda por facer”, sinalou Martínez, animando á veciñanza a participar activamente nas actividades.

Desde o Concello subliñan que esta programación supón unha nova mostra do compromiso institucional coa igualdade real e efectiva, reforzando a memoria colectiva e promovendo valores de respecto, xustiza e corresponsabilidade.



Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.