A Xunta de Estremadura, a través dun decreto publicado en xaneiro deste ano, concede axudas
económicas para contratar aos avós que coiden dos seus netos. A nova apareceu publicada nos
diarios e a moitos lectores sorprendeunos. As avoas e tamén os avós eran (e son) coidadores sen
salario. Labor que realizan a diario, con orgullo e con gusto, con moito gusto e todo o cariño seu
arrimado ao cariño dos pais e das nais, obrigados a buscar métodos de conciliación da vida familiar
coa profesional.
Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística, en Galicia hai ao redor de
duascentas mil persoas con menos de dez anos. E avós, cantos avós poderán coidar a diario dos seus
netos? Din que os meniños alumean o mundo dos avós e poida que sexa certo. As súas almas
compenétranse e unhas marcan pegadas nas outras.
Entre avós e netos hai unha distancia grade en idade, pero enorme e cálida proximidade que
aumenta paulatinamente e converte aos maiores nun refuxio no que se abrigan os netos e onde
aprenden a coñecer a vida e onde medran as raíces, as ensinanzas e os coñecementos que, sen
présas, atravesan o parecer e pensar de varias xeracións.
Moitos escritores, artistas, pensadores, xente de negocios, pobres e ricos recordan aos seus avós.
Vén á memoria o que dicía Saramago do seu, “o home máis sabio que coñecín en toda a miña vida
non sabía ler nin escribir”. Pero era o avó, honrado e traballador. Un home que vivía coa avoa e
alimentábanse os dous “da fertilidade de media ducia de porcas” que tiñan.
Os avós son como os recordos, no falar de Joaquín Sabina, “sempre volven”. Gabriel García Márquez
tiña no seu avó un verdadeiro referente. Segundo contan os relatos histórico-literarios, Nicolas
Márquez “foi a persoa fundamental na infancia do escritor”, contáballe historias e ensináballe o
mundo que había ao arredor, as plantacións de plataneiros, os vivos e feridos que deixara a guerra, a
pobreza, a desesperación e a morte inxusta dos paisanos.
Rousseau, o precursor do romanticismo, refírese nos seus textos á importancia da transmisión de
valores dunha xeración a outra. Ortega e Gasset tamén alude á súa infancia e a influencia dos
maiores na súa personalidade, igual que Octavio Paz que lembra ao avó nos seus versos. Aquí, pola
contra, como di a Tía Manuela, “moitos non teñen avoa”.
“Bruxelas defenderá os intereses da UE ante as ameazas de Trump a España” – Antón Luaces
A Comisión Europea confía en que Estados Unidos respecte os seus compromisos comerciais e velará porque se protexan "plenamente" os intereses da Unión Europea. Este compromiso explícito ten que ver co anuncio de Donald Trump de que vai "cortar todo o comercio con...



