
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañada pola presidenta da Asociación Amas de Casa de Ribeira, Puri Cores, participou na mañá deste 20 de febreiro, venres, na presentación da Homenaxe ás Persoas Maiores que, como cada ano, organiza a devandita entidade no restaurante Baiuca, en Artes. A cita será o vindeiro día 8 de marzo e vai dirixida ás persoas maiores de 65 anos do municipio ribeirenses. “Sempre é bo momento para poñer en valor o traballo que se fai desde o noso asociacionismo no que as Amas de Casa de Ribeira son un gran activo social e cultural”, indicou a alcaldesa.
Os convites para poder participar no evento deberán ser retirados no local da entidade de luns a venres, e en horario de 10.30h a 13.00h, ata completar o aforo existente. “Esta é unha actividade que conta cunha alta participación e que seguimos apoiando desde o Goberno municipal; o cariño e o respecto cara os nosos maiores é infinito por todo o que nos levan dado e que agora debemos devolverlles en forma de ocio e desfrute con homenaxes coma esta”, sinalou a rexedora.
Para facilitar o desprazamento, contarase con servizo de autobuses que sairán da estación a partir das 16,30h.



