Máis de 200 escolares de 3º curso de Primaria pertencentes ao municipio de Boiro (A Coruña), realizaron, durante catro xornadas consecutivas, e no marco dunha campaña de educación ambiental coordinada por Cruz Vermella, diversas visitas ao Complexo Medioambiental de SOGAMA en Cerceda (A Coruña) para coñecer por si mesmos a actividade desta empresa pública ambiental.

Os alumnos representaban a un total de 7 colexios do Concello: CEIP Praia Xardín, CEIP Escarabote, CEIP Abanqueiro, CEIP Cespón, CEP Salustiano Rey Eiras, CEP Pilar Maestu Sierra e Colexio Santa Baia. Todos eles mostráronse moi interesados en coñecer a xestión dos residuos urbanos que producen cada día.

Así, as e os monitoras/es de SOGAMA proporcionaron as explicacións, reforzadas con presentacións, vídeos de realidade virtual e xogos, sobre o tratamento que reciben as tres fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia da compañía: bolsa amarela, é dicir, os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través do contedor do mesma cor, que son separados por tipos de material nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros recicladores, e bolsa negra (ou fracción resto), da que se extrae a parte reciclábel para remitir á industria transformadora, acondicionando co resto un combustíbel CDR que é valorizado enerxeticamente para producir enerxía eléctrica limpa e verde. Desta forma, segundo salientou o monitorado, “a empresa consegue minimizar o uso de vertedoiro, a opción menos desexábel polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde”.

Así mesmo, SOGAMA tamén se encarga do tratamento da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, un labor que leva a cabo nas catro plantas provinciais de compostaxe industrial (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) para a súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade.

Concluídas as xornadas, organizáronse coloquios para que escolares e docentes puidesen expresar as súas impresións e observacións, e tamén formular dúbidas, preguntas e propostas de mellora.






