A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a licitación do servizo de limpeza dos locais e dependencias das unidades de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza por un importe total de 3.054.631 euros e un período de execución de 24 meses.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 25 de marzo. O contrato abrangue un total de 32.950 metros cadrados de superficie repartidos en distintos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC).
Os centros incluídos son os de Vite, Fontiñas, Concepción Arenal e Galeras, en Santiago; así como Bertamiráns, Milladoiro, Brión, Bembibre, Touro, Boqueixón, Vila de Cruces, Valga, Pontecesures, Lalín, A Estrada, Silleda, Muros, Carnota, Noia, Outes, Lousame e Lira. Tamén se inclúen os PAC de Bertamiráns, Valga, Lalín, A Estrada, Silleda, Muros e Noia.
Entre as prestacións recollidas no contrato figuran a limpeza, desinfección e/ou descontaminación de todas as dependencias interiores, a limpeza de exteriores, así como do mobiliario e do equipamento. Ademais, inclúese a recollida e traslado diario de residuos e materiais desbotables ás áreas habilitadas para o seu depósito ou tratamento en cada centro.
O servizo tamén contempla a colaboración na recollida, carga e descarga diaria da roupa sucia e doutros artigos susceptibles de lavado e desinfección, así como o subministro dos materiais e útiles necesarios para garantir unha correcta limpeza e desinfección. Engádese igualmente a limpeza e mantemento das zonas exteriores axardinadas.
Desde a Administración autonómica subliñan que a actividade sanitaria, pola súa natureza, require un estado óptimo das instalacións nas que se presta asistencia, o que esixe un nivel máximo de limpeza, con procedementos e programacións rigorosas e plenamente respectuosas coa actividade asistencial diaria.



