Fran Pérez Caamaño: “Nestes seis meses de cambio conseguimos darlle a volta ás políticas do Concello”

27 Febreiro 2026

Francisco Pérez Caamaño aproveitou o pleno deste mes de febreiro, celebrado o pasado xoves 26, para facer un balance dos seis meses que leva á fronte do Goberno do Concello de Noia. “A aterraxe nunha institución, cando ademais se produce a metade de mandato, sempre é complicada”, asegurou o alcalde e secretario xeral dos socialistas de Noia, destacando que “a unidade do equipo que lidera fixo esta tarefa moito máis doada”. Indicou tamén que “nestes seis meses de cambio conseguimos darlle a volta ás políticas do Concello e a cidadanía nótao”. Amais, agradeceu a predisposición non só dos concelleiros que forman parte do Goberno, senón tamén do BNG, con quen asegura que “as relacións son fluídas e frutíferas”.

Fran Pérez nunha foto recente con Patricia Iglesias Rey, voceira de industria dos socialistas galegos

O rexedor fixo fincapé na situación económico-financeira que se atopou ao chegar á alcaldía, con, dixo, “facturas pendentes de pago por riba do millón de euros, obras sen presupostar adecuadamente ou servizos con graves deficiencias, como é o caso do saneamento”. E engadiu: “A herdanza que nos deixaron o PP e o N.O.I.A. rozaba niveis catastróficos; malia isto, fomos quen de sacar uns orzamentos en xaneiro, algo que nesta vila non se vía desde fai anos, consignando partidas para actuacións tan necesarias como a mellora do saneamento en varias parroquias do termo municipal, a posta ao día de facturas pendentes de pago no servizo de recollida do lixo ou a mellora dos servizos sociais”.

Pérez Caamaño tamén salientou actuacións que se levaron a cabo nos primeiros días de Goberno e que seguen en marcha, como a limpeza das rúas da vila por parte do Concello; proxectos que están en estudo, como a ampliación de solo industrial que permita á vila medrar economicamente; así como medidas que espera poder concretar e anunciar no futuro, “e que serán froito das diversas reunións que estamos a manter con diferentes institucións, como o Ministerio de Cultura, o Xunta de Galicia ou a Delegación do Goberno, e que repercutirán no mellora da calidade de vida das noiesas e noieses”.

E concluíu: “Imos seguir gobernando ata maio de 2027 coa cidadanía no centro, pensando en como mellorar a súa vida, facendo un traballo que demostre que chegamos ao Concello para cambiar as cousas e que así o fixemos”, afirmou o alcalde e secretario xeral, que espera que este esforzo teña recompensa e a cidadanía “siga confiando en nós para chegar, polo menos, ata 2031”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.