
O Auditorio Municipal de Rianxo acolle este venres 27 de setembro a proxección do documental Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos, impulsado por Nós Televisión. Será a partir das 21:00 horas, no Auditorio de Rianxo. A entrada é de balde até completar a capacidade da sala. Ao remate haberá un coloquio coa directora, Cristina De La Torre.
A proposta enmarcase no Programa Outono das Artes da Deputación da Coruña.
O documentario é un audiovisual de 37 minutos de duración, producido e realizado por Nós Televisión, con dirección e guión de Cristina De La Torre, sobre esta institución que foi clave para o país e que se fundou o 12 de outubro de 1923, en Ortoño (Ames), na casa onde vivira Rosalía de Castro, co impulso de Antón Losada Diéguez e dunha parte do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, como Fermín Bouza-Frey ou Xosé Filgueira Valverde, que contaban coa colaboración de profesores como Armando Cotarelo, e ao que se sumaron intelectuais do galeguismo e profesionais, como Isidro Parga Pondal que encabezará a sección de Xeoquímica. A eles sumarase o Grupo Nós, con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Leandro Carré Alvarellos e moitos máis.
Con máis de 200 socios e socias activas e arredor de 400 persoas que actuaban de protectoras, o obxecto de estudo do SEG foi Galiza no seu conxunto. A metodoloxía céntrase na investigación de campo, nas denominadas xeiras, e a publicación Terra de Melide é un dos froitos deste enfoque integral e multidisciplinar. O golpe de 1936 marca diferentes destinos para quen integra o SEG que, finalmente, é disolvido en 1941.
No audiovisual percórrese a historia do Seminario a través do seu legado e das persoas que nos poden contar del, cunha participación do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, o que o fai unha peza atractiva para chegar tamén ao público novo e contribuír a dar a coñecer máis a historia da nosa comunidade.




