Dúas persoas tiveron que refuxiarse no tellado da súa casa durante o incendio declarado na madrugada deste luns en Oín de Abaixo, no municipio de Rois. A pesar da aparatosidade do lume, non se rexistraron feridos de gravidade.
No interior da vivenda atopábanse cinco persoas no momento en que se iniciou o incendio, que comezou nunha habitación situada na planta inferior do inmoble. A localización das lapas dificultou a saída dos ocupantes, o que levou a dúas delas a buscar acubillo no tellado mentres agardaban a chegada dos servizos de emerxencia.
Segundo informou o 112 Galicia, o aviso recibiuse ás 6.30 horas, momento no que se activaron todos os recursos necesarios: o GES de Padrón, os Bombeiros de Boiro, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como efectivos de Protección Civil e da Garda Civil.
Á chegada dos membros do GES, os ocupantes foron abandonando progresivamente o inmoble e as dúas persoas que permanecían no tellado foron finalmente rescatadas polo equipo de intervención.
Aínda que non houbo que lamentar danos persoais de consideración, unha persoa tivo que ser atendida no lugar polos servizos sanitarios. En canto aos danos materiais, unha das habitacións quedou calcinada e o resto da vivenda viuse afectada pola acumulación de fume.




