Dodro acolleu un proxecto para previr dende as escolas os lumes forestais

27 Febreiro 2026

A loita contra os lumes faise coa prevención e coa educación da poboación. Dodro acolleu en febreiro un proxecto que ten esta motivación e que leva por título Incendios/Contralumes.

O impulsor de este iniciativa é o artista Lois Gil Magariños. O obxectivo é sensibilizar á poboación sobre a necesidade de previr os lumes forestais así como do uso, aproveitamento e coidado dos nosos montes, especialmente, nun contexto de cambio climático.

O proxecto constou de dúas partes ben diferenciadas. Por unha banda unha mostra artística, instalada no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, con máis dun milleiro de postais sobre a temática referida, con artistas e entidades de 24 países do mundo.

En paralelo á mostra, en colaboración coa área municipal de Cultura, realizáronse diversas actividades pedagóxicas conducidas por Lois Gil Magariños. En estas actividades participaron axentes e persoal da brigada do Distrito Forestal IV da Xunta de Galicia e da EPAIF, equipos de Planificación e Análise de Incendios Forestais, dependentes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Durante varias xornadas, este conxunto de profesionais coordinaron visitas guiadas á mostra e informaron de cuestións relevantes como as especies pirófitas, prácticas e normativas que regulan o uso e coidado do monte, ao mesmo tempo que describían o seu traballo, con demostracións mediante o uso de ferramentas e vehículos específicos.

Na experiencia participaron 117 alumnas/os de Ed. Primaria do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón,  78 alumnas/os de Ed. Infantil do CRA Dodro – Padrón e 40 persoas do Centro de Día de Dodro xunto cos equipos docentes e profesionais das distintas entidades.

A iniciativa puxo en valor a importancia da educación, da cultura, das artes, do traballo comunitario, interdisciplinar e en rede entre os distintos axentes sociais. “Foi”, en palabras do Concello, “un xeito de implicar á cidadanía no coidado e protección do monte e da natureza, combatendo tanto os lumes forestais como os distintos riscos do cambio climático que ameazan ao noso hábitat e benestar”.

O Concello de Dodro agradeceu a implicación das persoas, entidades e profesionais que participaron “nesta fermosa experiencia” así como ao seu impulsor, Lois Gil Magariños, pola importancia e necesidade desta iniciativa e das súas aprendizaxes.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.