Aprobada a modificación do trazado da senda ciclista entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago que evita a contorna do histórico Banquete de Conxo

16 Febreiro 2026

O Consello da Xunta de Galicia aprobou de forma definitiva o anexo de información pública complementaria e o novo trazado do eixo de mobilidade sostible en Santiago de Compostela, no tramo comprendido entre O Milladoiro e a estación intermodal. A resolución contén todos os informes sectoriais favorábeis e constitúe un paso fundamental para o desenvolvemento desta infraestrutura.

A principal novidade do proxecto é que o novo trazado e as obras complementarias sitúanse fóra do ámbito definido para o Plan Especial de Conxo. Deste xeito, non se actuará dentro da área delimitada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para o Plan especial de protección e rehabilitación da igrexa, mosteiro e hospital de Conxo (PE-1R) , evitando así afeccións na contorna do histórico Banquete de Conxo.

Co obxectivo de buscar o maior consenso entre administracións e colectivos, a nova solución plantexa unha alternativa que elude o paso pola contorna do Banquete e garante a seguridade dos ciclistas mediante unha senda segregada do tráfico rodado, tal e como reclamaba a principal asociación ciclista da cidade.

O novo itinerario mantén o trazado orixinal ata o punto quilométrico 3+560. A partir de aí, en lugar de continuar cara ao oeste polo Banquete de Conxo, desvíase cara ao leste ata alcanzar o actual aparcadoiro do Hospital de Conxo. Unha vez nesta zona, a senda ciclable discorrerá polo perímetro oeste do estacionamento e contará cunha pasarela de madeira na subida ata a cota do hospital.

Para evitar a supresión de prazas de aparcadoiro, o proxecto modifica a súa disposición, substituíndo as prazas en batería a 90 graos por prazas en espiña de peixe. Esta reorganización permitirá manter o número de estacionamentos e mellorar a seguridade viaria, ademais de optimizar o espazo dispoñible.

Á altura do paso de peóns da rúa Ramón Baltar, a senda cambiará de marxe e discorrerá en paralelo á beirarrúa, o que obrigará a executar un pequeno desmonte. Finalmente, o trazado descenderá para conectar co itinerario inicial a través dun novo paso no muro perimetral, evitando afectar a entrada ao camiño do Banquete, no punto quilométrico 4+620.

Durante o período de información pública, a Axencia Galega de Infraestruturas recibiu alegacións de particulares e os informes preceptivos do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e as consellerías competentes en materia de Cultura e Medio Ambiente. A aprobación definitiva implica a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación e adquisición dos bens e dereitos necesarios para executar as obras.

Esta actuación forma parte dun eixo máis amplo que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e San Caetano. En total, prevense preto de 13 quilómetros de sendas ciclistas e peonís cun investimento próximo aos 11 millóns de euros, financiados con fondos europeos Next Generation, co obxectivo de fomentar desprazamentos máis sustentables e reducir emisións.

Nunha primeira fase executarase o tramo que conta co consenso de todas as administracións, quedando para unha segunda fase o sector limítrofe co Banquete de Conxo, entre os puntos quilométricos 2+600 e 4+200. A execución por fases permitirá avanzar nos prazos comprometidos co Plan de Recuperación, Transformación e Resistencia e facilitar un futuro acordo sobre o mantemento da infraestrutura.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

O beber demasiado alcol, o fumar, o non facer exercicio, o abusar das drogas ou o comer alimentos que nos fan dano, son algunhas das ameazas para a nosa saúde que provén do modo e o estilo de vida de cada un de nós. Resulta extraordinariamente preocupante de que o...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.