O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, informou da presentación persoal dunha denuncia ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, motivada, segundo se fai constar na mesma, “pola falta de resposta do Concello de Boiro a un escrito rexistrado o 21 de novembro de 2019 relacionado coa xestión dos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) instalados en dependencias municipais”.

No devandito escrito, presentado a título persoal, solicitábase información detallada sobre aspectos esenciais para garantir o correcto funcionamento destes dispositivos, como a súa localización, sinalización, mantemento periódico, estado operativo, a existencia dun rexistro actualizado e máis a comunicación cos servizos sanitarios, en cumprimento do establecido no Decreto 38/2017, que regula a instalación e o uso dos DESA fóra do ámbito sanitario en Galicia.
Piqueras sinalou a propósito da denuncia que “transcorridos máis de cinco anos desde a presentación da solicitude, o Concello de Boiro non facilitou resposta algunha, o que impide coñecer con certeza a situación real dos desfibriladores situados en instalacións municipais”.
Segundo Piqueras, “esta falta de información dificulta a avaliación dun elemento clave na atención a emerxencias sanitarias en espazos públicos”. E engade: “Non se trata de xerar alarma nin de abrir unha polémica política, senón de aclarar unha situación administrativa que afecta á seguridade das persoas. Os desfibriladores son instrumentos esenciais en casos de parada cardiorrespiratoria e a súa eficacia depende de que estean correctamente mantidos, sinalizados e accesíbeis”.
Desde UCIN Boiro lémbrase que “a normativa vixente non só regula a instalación dos desfibriladores, senón tamén a obriga das administracións responsábeis de garantir o seu mantemento adecuado, a sinalización visíbel, a actualización do rexistro correspondente e a información ás persoas encargadas do seu uso e control, co fin de que estes dispositivos poidan ser utilizados de forma rápida e eficaz cando se necesiten”.
Ademais da denuncia presentada ante a Xunta a título persoal, UCIN Boiro solicita “ao Concello adoptar medidas concretas para asegurar unha correcta xestión dos desfibriladores públicos, entre elas a elaboración dun inventario actualizado, a verificación periódica do seu funcionamento, incluídas baterías e parches, e a implantación dunha sinalización clara e homoxénea en todas as instalacións municipais”.




